Blizzard Entertainment tivo varios propietarios dende a súa creación. En 1991, baixo o nome de Silicon & Synapse, tiña como propietario e fundador a Allen Adham. Máis tarde, en 1994, Silicon & Synapse foi mercada pola distribuidora Davidson & Associates, que despois cambiou o nome da empresa a Blizzard Entertainment Inc. Máis tarde, en 1996, Davidson foi adquirida por CUC, que á súa vez se fusionou con HFS Corporation en 1997 para formar Cendant Software.
Por problemas de fraude, Blizzard foi vendida a Havas en 1998 e finalmente a Vivendi. Ante as pretensións de Vivendi de poñer á venda Blizzard, Erich Schaefer, Max Schaefer, David Brevik e Bill Roper, pesos pesados dentro de Blizzard, remitiron unha carta a Vivendi pedindo explicacións sobre o futuro da empresa, coa ameaza de abandonala. Ante o silencio de Vivendi finalmente deixaron a empresa en xullo de 2003.
En 2007 Vivendi adquiriu Activision e en 2008 creou a filial "Activision-Blizzard"
Bill Roper, actual responsable de Flagship Studios, era o vicepresidente de Blizzard, e o pai da saga Diablo. Ademais prestou a súa voz na narración da versión inglesa da saga Warcraft, realizando ademais a locución dos footman das tres versións existentes.
Actividade
Desde o lanzamento de Warcraft: Orcs & Humans en 1994 os xogos que comercializaron tiveron un grande éxito debido ó seu acabado, ó seu soporte técnico, a súa adaptación a Mac OS X e as súas innovacións conceptuais. De acordo coa súa política de calidade, Blizzard Entertainment cancelou unha das súas creacións: a aventura gráfica baseada no mundo de Warcraft, Warcraft Adventures: Lord of the Clans. Igualmente en 2006 foi detido o proxecto Starcraft: Ghost que levaba varios anos en desenvolvemento. Blizzard argumentou que estaba sendo desenvolvido para as consolas (PlayStation 2, GameCube e Xbox), e ante a chegada da nova xeración de plataformas (PlayStation 3 e Xbox 360) o xogo quedara algo desfasado. Finalmente anunciaron que Ghost sería posposto para posteriores datas. Tamén en 2006 anunciouse o desenvolvemento da expansión de World of Warcraft, World of Warcraft: The Burning Crusade.