Beulah foi unha banda estadounidense de indie rock procedente de San Francisco, California, e asociado á The Elephant 6 Recording Company.[1]
Historia
Primeiros anos
A banda foi fundada por Miles Kurosky e Bill Swan en San Francisco no ano 1996, cando os dous traballaban na mesma oficina. Descubriron que compartían gustos musicais semellantes e decidiron formar un grupo.[2] Esta primeira encarnación de Beulah gravou unha canción cada seis semanas durante 16 meses na súa gravadora de catro pistas. O líder de The Apples in Stereo e membro de Elephant 6 Robert Schneider fixouse na banda, expresando o seu interese por lanzar o que sería o seu primeiro sinxelo, "A Small Cattle Drive in a Snow Storm", a través de Elephant 6 Records. O seu primeiro álbum, Handsome Western States, publicouse ese mesmo ano, tamén a través de Elephant 6 e masterizado por Schneider.[1] O disco esgotouse rapidamente. Esta asociación co colectivo continuou ao longo de toda a súa carreira a pesar de que Beulah non volvese a editar máis material co selo. Para saír de xira para promocionar o disco uníronse á banda Steve La Follette, Steve St. Cin e Pat Noel, realizando as súas primeiras actuacións como abreconcertos para The Apples in Stereo.
1999 - 2002
O seu segundo álbum, When Your Heartstrings Break, publicouse dous anos despois coa aclamación da crítica.[3] O son da banda cambiou, os valores de produción pasaron "de lo-fi a mid-fi", en palabras de Kurosky, e incorporou ducias de instrumentos, usando 18 músicos adicionais,[4] e utilizando moitas cordas e ventos xunto con instrumentación máis exótica. Tamén nesa época a banda incorporou ao teclista Bill Evans. Shifty Disco Records, un selo británico baseado en Oxford, tamén editou dous sinxelos só no Reino Unido en 1999, "Sunday Under Glass" e "Score From Augusta", lanzando "Emma Blowgun's Last Stand" o ano seguinte. Eses sinxelos contiñan caras b collidas de Handsome Western States, que non se editara no Reino Unido e quedara descatalogado nos Estados Unidos. "Emma Blowgun's Last Stand" tamén foi publicado en Australia por Elastic Records, con dúas cancións extra exclusivas.
A banda continuou xirando extensivamente durante 1999, tomándose un descanso en 2000. Steve St. Cin deixou o grupo e foi substituído por Danny Sullivan, coñecido polos seus días en Screeching Weasel. Kurosky foi ao Xapón, estando cun amigo durante oito semanas, e compuxo as cancións que se converterían no terceiro álbum de Beulah. Mandou por correo cintas coas demos das cancións ao resto dos membros, e estes mandaron cintas de volta coas súas propias versións dos temas. Este proceso creou xustaposicións interesantes na forma de compoñer da banda, como describiu Kurosky: "Bill podería escoitala como unha canción soul e Pat como unha canción country, e pode que me gusten ámbalas dúas partes e as use".[5] Kurosky converteu esas gravacións na base para o novo álbum da banda, The Coast Is Never Clear. Durante o proceso de gravación, porén, a Kurosky diagnosticóuselle trastorno bipolar e foi a terapia diariamente,[6] o que conformou o estado de ánimo lírico do disco, por momentos incriblemente pesimista, moi afastado do sentido fresco e veraniego da música. Isto tamén fixo a gravación difícil; o diario de estudio de Bill Swan contén extractos como, "Miles ameazou con golpearme na cabeza cun pé de micro. Esta vai seu unha gravación longa".[7] Ademais destes problemas persoais, Beulah tivo outros problemas co lanzamento do disco, principalmente pola compra de Capricorn Records, selo que que a banda asinara despois do lanzamento de When Your Heartstrings Break.[8] Finalmente o álbum foi editado a través da discográfica independente Velocette Records o 11 de setembro de 2001. O disco foi loubado pola crítica[9] e a banda continuou coa súa xira, a pesar de ter cancelado as súas datas en Europa ese inverno. Pouco despois do lanzamento do disco Steve La Follette e Bill Evans deixaron a banda, sendo substituídos por Eli Crews e Pat Abernathy.
Últimos anos
En 2002 Handsome Western States estaba descatalogado e publicouse por terceira vez, e a banda realizou outra xira polos Estados Unidos, tras a cal comezou a ensaiar material para o seu seguinte álbum. O período que rodeou a concepción e gravación de Yoko foi un dos de maiores conflitos persoais da banda: Kurosky separouse da moza coa que levaba moito tempo, e tres dos seis membros do grupo divorciáronse. En medio disto, os cimentos da banda parecían tremer e xurdiron rumores sobre a separación de Beulah. O estado de ánimo do álbum era moito máis escuro e a banda retirou gran parte da súa instrumentación, preferindo crear un son máis directo en vez de realizar múltiples capas na mestura. O álbum tomou unha dirección máis roqueira que os seus anteriores lanzamentos e tras o seu lanzamento conseguiu un eloxio semellante ao dos seus dous discos anteriores.[10] En decembro lanzouse un álbum de demos, titulado Yoko Demo.
Nese tempo Beulah semellaba estar afundíndose. Mensaxes crípticas aludindo a unha ruptura apareceron no sitio web da banda, e o propio grupo dixo que se Yoko non chegaba a ser disco de ouro separaríanse. Aínda que o álbum tivo as mellores críticas da carreira da banda, sendo descrito como unha "epopeia que abarca toda a súa carreira" por Dusted Magazine,[2] o disco non acadou o estátus de ouro. Tras unha última xira a banda separouse, cun derradeiro concerto gratuíto en Castle Clinton, no Battery Park de Nova York o 5 de agosto de 2004. O 2 de agosto de 2005 publicouse un DVD relatando a súa xira de 2003, titulado A Good Band is Easy to Kill (referíndose á canción da banda "A Good Man is Easy to Kill").
Discografía
Álbums
Notas