Bath é unha cidade do suroeste de Inglaterra, no condado de Somerset, coñecida polos seus balnearios termais alimentados por tres mananciais. Os primeiros documentos históricos en relación coa cidade, datan de época romana e fan referencia aos seus mananciais. O primeiro templo levantado no manancial das augas termais construírono os celtas. A súa auga considérase curativa para moitas enfermidades. Dende a época isabelina ata a época xeorxiana, foi un complexo termal para os ricos. Por este motivo, a cidade posúe numerosos exemplos de arquitectura xeorxiana, co significativo Royal Crescent. En 2011, a poboación era de 88.859.[1] Bath atópase no val do Río Avon, 156 km. ao oeste de Londres e 18 km ao sueste de Brístol. A cidade converteuse en Patrimonio da Humanidade en 1987.
Historia
A cidade converteuse nun balneario co nome latinoAquae Sulis ("as augas de Sulis") c. do ano 60 cando os romanos construíron baños romanos e un templo no val do río Avon, aínda que xa se coñecían as súas fontes termais antes daquela. Segundo o eclesiástico vitoriano Edward Churton, durante a época anglosaxoa Bath coñecíase como Acemannesceastre ('Akemanchester'), ou "cidade dos homes doentes", por mor da reputación que estas fontes tiñan para a curación dos enfermos.[2]
A Abadía de Bath fundada no século VII converteuse nun centro relixioso; o edificio reconstruíuse nos séculos XII e XVI. No século XVII, as propiedades curativas das augas procedían das fontes e Bath tornouse popular como cidade balneario na era xeorxiana. A arquitectura xeorxiana, construíuse con pedra de Bath, inclúe o Royal Crescent, Circus, Pump Room e Assembly Rooms onde Beau Nash presidiu a vida social da cidade desde 1705 ata a súa morte en 1761. Moitas das rúas e prazas foron deseñadas por John Wood, o Vellor, no século XVIII a cidade púxose de moda e a poboación medrou. Jane Austen viviu en Bath a principios do século XIX. Outros edificios construíronse no século XIX e logo da Batalla de Bath na segunda guerra mundial.
A cidade ten industrias de software, editoriais e de servizos. Teatros, museos e outros lugares culturais e deportivos axudaron a converterse nun importante centro de turismo, con máis dun millón de visitantes que pernoctan e 3,8 millóns de visitantes transeuntes cada ano.