O estabelecemento da cidade data da terceira década do século XVII, cando os sectores lindeiros ó río Magdalena comezaron a poboarse arredor de mercedes outorgadas pola Coroa Española. Durante a época da Independencia, Barranquilla distinguiuse polo apoio dos seus habitantes á causa libertadora, o que lle valeu ser erixida en vila en 1813. Na segunda metade do século XIX adquire importancia estratéxica e económica ó comezar a navegación a vapor polo río Magdalena, o que lle permitiu converterse no principal centro exportador do país até a primeira metade do século XX. Dende finais do século XIX até os anos 1930, Barranquilla foi o principal punto de entrada a Colombia de miles de inmigrantes e de adiantos como a aviación, a radio comercial e a telefonía, así como de varios deportes.
A poboación de Barranquilla é de 1 228 621 persoas, o que a converte na cuarta cidade máis poboada do país detrás de Bogotá, Medellín e Cali. A cidade é o núcleo da Área Metropolitana de Barranquilla, a cal está constituída ademais polos concellos de Soledad, Malambo, Galapa e Puerto Colombia. O conglomerado alberga a 2 050 127 habitantes, e ocupa tamén a cuarta posición entre as conurbacións do país.[3][4] Como capital departamental, Barranquilla é sede da Gobernación do Atlántico, da Asemblea Departamental e do Tribunal Superior do Atlántico, máximo órgano xudicial do departamento.
↑Fundación Carnaval de Barranquilla. "Patrimonio de la Nación". Arquivado dende o orixinal o 08 de outubro de 2008. Consultado o 13 de outubro de 2008.