San Pedro de Baroña[1] é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Porto do Son. Segundo o INE en 2020 tiña 650 habitantes (314 homes e 336 mulleres), distribuídos en 13 entidades de poboación.
A igrexa parroquial de San Pedro de Baroña[3] ten dúas naves como resultado ampliar a nave románica orixinal con outra no lateral esquerdo. Dita ampliación completouse incorporando unha sancristía. A nave principal está cuberta mediante unha bóveda de canón rebaixada executada en ladrillo, rebocada e pintada, pousada sobre muros de cantería. Na cabeceira está a capela maior tamén cuberta cunha bóveda de canón sobre arcos faixóns de medio punto que descansan sobre semicolumnas. No exterior destacan a espadana centrada na fachada principal, así como os arcos pousados sobre pilastras na fachada sur.