Nebra, Porto do Son

Nebra
Igrexa parroquial
ConcelloPorto do Son
ProvinciaCoruña
Coordenadas42°43′25″N 8°57′50″O / 42.72361111, -8.96388889
Poboación705 hab. (2020)
Entidades de poboación33
editar datos en Wikidata ]

Santa María de Nebra é unha parroquia situada ao norte do concello de Porto do Son. Segundo o padrón municipal (INE 2020) ten 705 habitantes (345 homes e 360 mulleres) distribuídos en 33 entidades de poboación.[1]

Goza dunha superficie total considerable de campo e monte, sendo unha das de máis extensión do concello xunto con Xuño.

Historia

O 12 de outubro de 1916 5 labregos foron abatidos a tiros por axentes da Garda Civil na ponte de Cans, logo dunha mobilización promovida pola Liga Agraria de Nebra[2] (nome oficioso de varias sociedades que se foron alternando durante estes anos: "Liga de Labradores de Santa María de Nebra", "Liga y Sociedad de Agricultores de Santa María de Nebra", "Federación Agraria de la parroquia de Nebra") contra un imposto que crían inxusto[3]. Son coñecidos como os Mártires de Cans.

No século IX a organización do espazo eclesiástico de Postmarcos materialízase en tres igrexas designadas por Afonso III no 868, que eran Santa Cristina de Lesón (hoxe Santa Cruz, A Pobra do Caramiñal), San Sadurniño de Goiáns (Porto do Son) e San Vicenzo de Nebra (hoxe Santa María).

A Capela do Loreto, que actualmente se considera a división entre a parroquia de San Vicente de Noal e a de Santa María de Nebra, antigamente formaba parte da freguesía de Nebra e contaba con cura propio. Un conflito entre os curas destas dúas parroquias acabou por pasar a integrala dentro de San Vicente de Noal e quitándoselle o cura. Nesta capela celébrase a festa do Loreto o nove de setembro, sendo celebrada como parte das festividades de Porto do Son, onde se organiza a romaría dentro das instalacións do Campamento xuvenil "Virxe de Loreto" situado en Nebra.

A aldea da Graña (hoxe pertencente ao termo municipal de Boiro) era parte da freguesía de Nebra. Por mor dunha suposta negativa do párroco de Nebra a oficiar o enterro dun veciño e que o párroco de Boiro si estaba presente no velorio, ocupándose da celebración, efectuouse un referendo para integrarse en Boiro.

Constrúese en parte dos terreos do monte Iroite (ocupando tamén Boiro e Lousame) no ano 1980 a base aérea militar do Exército Español, que se coñece como Escuadrón de Vixilancia Aérea 10 (EVA 10).

Patrimonio

Arquitectura relixiosa

Cruceiro de Pouso, en Sobrado.
Cruceiro de Quintáns.

A igrexa parroquial data do século XVIII. Ten planta de cruz latina con dúas capeliñas laterais comunicadas tamén co brazo transversal. As naves están cubertas de bóveda de canón sobre arcos faixóns de medio punto e o cruceiro ten a bóveda de aresta. Probablemente a planta orixinal foi remodelada ao engadirse as capelas laterais.

Ten muros de carga de cantería de granito, interrompidos no interior por arcos de medio punto para o acceso ás capelas laterais, de planta cadrada. Aos pés da nave principal está o coro e na cabeceira a capela maior, co mesmo ancho que a nave principal e cuberta con bóveda de canón. Nun lateral está a pequena sancristía.

No exterior a cornixa percorre os muros, e o único elemento decorativo é un frontón triangular partido, cunha fornela dentro do tímpano, enriba da porta e unha fiestra sinxela. No lateral dereito ten unha torre engadida de tres corpos superpostos. O primeiro é liso; o segundo, o das campás, ten decoración barroca, con pilastras acanaladas e placas, cornixas e pináculos. O terceiro é unha cupuliña sobre un tambor octogonal.

Nas inmediacións do terreo contábase cun edificio de autopsias que hoxe serve de almacén para as andas dos santos. Tamén se denominou a este espazo e se erixiu unha placa co nome de "Praza do Padre Calo".

Na parroquia, dentro do PXOM de Porto do Son[4] hai contabilizados 8 cruceiros[5]:

O cruceiro do Adro da Igrexa, sito na Igrexa, data de 1869, de crucifixo.
O cruceiro de Mallán ou di Sino, sito na Igrexa, data de 1886, de crucifixo.
O cruceiro de Tores non leva data, de capeliña.
O cruceiro de Pouso, sito en Sobrado, data de 1900, de crucifixo.
O cruceiro de Quintáns data de 1884, de crucifixo.
O cruceiro de Cans data de fins do s. XIX ou comezos do XX, de crucifixo.
O cruceiro de Montecelo, sito en Calo, data de 1766, de cruz (dado a pequena altura da vara).
O cruceiro do Cadista, sito en Resúa, data de 1886, de capeliña.

Arquitectura civil

Como no resto do territorio galego, é común a existencia de hórreos, fontes (10 en total, 2 delas con lavadoiro), pombais (pombal do Pazo e pombal de González), até 27 reloxos de Sol, e varios muíños ao longo dos ríos Igrexa, Quintáns e Cans.

O pazo de Nebra pertencente á familia Caamaño, aínda que non se atopa en bo estado ao estar partido entre dúas familias que, por facelo habitable, reformaron o interior. A familia Caamaño está ligada á parroquia de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), onde teñen o pazo matriz. Cando o 29 de marzo do 1462 se partiu a herdanza familiar, o pazo de Nebra quedoulle a Martín Vecerra de Caamaño, e o pazo de Rubiáns, ao seu irmán García de Caamaño, que, segundo as crónicas, foi o fundador do que hoxe coñecemos coma Vilagarcía de Arousa (no escudo desta cidade aparecen o piñeiro e as lanzas, símbolo da familia que pode verse tamén no pazo de Nebra). Conta nas inmediacións dos seus muros con 3 escudos de armas.

Outros

Hai un sartego no Pedroso, os restos dun castro preto da Belga, os restos dunha tégula romana preto de Orseño, restos de dúas torres medievais preto de Orseño e da Igrexa, restos da capela de San Miguel Vedro entre Resúa e a Graña, restos de dúas devesas reais preto de Cornido e preto do Castrallón, restos dunha calzada romana na Igrexa e Queiro, na praia da Aguieira están os restos dunha telleira e había un salgadoiro na chamada Punta Cedeira (hoxe acondicionado como casa particular). Dúas formacións rochosas con significado na cultura local, a Capela do Vello (Resúa) e a Pena dos Mouros (O Curro). Tamén había unha pista de baile (Salón-Pista Hermosa) na Igrexa, que conserva a fachada coa inscrición, pero cuxo interior foi reformado.

Praias

A praia de Aguieira é a máis longa do concello, sendo accesible dende tres vertentes (Cans, Quintáns e Aguieira), contando con diversas dunas. Está orientada cara ao norte e ao oeste, e nela adoita practicarse o wind-surf.

A praia das Vellas do Pozo é unha cala situada ao remate da praia da Aguieira.

Festividades

  • 22 e 23 de maio: Santa Rita e Cruceiro de Tores.
  • 15 e 16 de agosto: Nosa Señora e San Roque.
  • 30 e 31 de agosto: O Carme e San Ramón.
  • 3º domingo de setembro: Virxe das Dores, San Antonio e Romaría da Balbanera.

Deporte

O Nebra CF como tal foi fundado e federado para competicións oficias a mediados do 1987. Varios anos atrás houbera un equipo que disputaba a liga de parroquias e os torneos con ocasión de festividades. No seu primeiro ano federado disputa partidos como local no Campo do Preguntoiro (Baroña), poñéndose durante esta tempada un campo de xogo propio na parroquia, o "Campo de Prado", aproveitando un terreo preto da praia da Aguieira que anos atrás xestionara a súa cesión a comisión de festas para organizar partidos os días festivos. Como equipo dependente da Federación de Fútbol de Santiago, sempre foi encadrado nos coñecidos como "grupo barbanzán", onde houbo gran número de equipos do propio concello (Xuño, Caamaño, Queiruga, Baroña, Porto do Son, Atalaia, Noal, Portosin ou Gaivotas), así como dos concellos lindeiros de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Lousame, Boiro e Noia (Sálvora, Palmeira, Xuventude Aguiño, Artes, Cruido, Lesende, Cabo de Cruz, Pobra, Crocha, Cures...).

Chegou a ser un dos equipos con máis categorías do concello de Porto do Son: benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e sénior. Nas tempadas 2002-03 e 2003-04 recuperou o equipo feminino, despois de moitos anos sen habelo no concello, sendo un dos últimos o equipo do Queiruga, aló polos 80; mais a falla de apoios, os longos desprazamentos para competir e o desinterese da administración municipal, fixeron que o equipo feminino se perdese, desinterese que tamén afectou ao resto de categoría inferiores. Dende a tempada 2008-09 crease o primeiro equipo de veteranos do concello, que segue en activo e que actualmente está integrado dentro do organigrama da Real Federación Galega de Fútbol.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias

Lugares de Nebra

Lugares da parroquia de Nebra no concello coruñés de Porto do Son

A Aguieira | A Belga | Cadeiras | Calo | O Campo do Prado | Cans | Carantoña | Castrallón | Coira | Cornido | O Couto | O Curro | O Empalme | A Escorrentada | Foloña | Ieste | A Igrexa | Orseño | O Pazo | A Pedra do Lobo | Pedreisoas | Perceboi | A Perdigueira | Portofoloña | Puílla | Puílla Boa | Queiro | Quintáns | Resúa | Sendia | Sobrado | Tores | Xosín

Parroquias de Porto do Son

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Porto do Son

Baroña (San Pedro) | Caamaño (Santa María) | Goiáns (San Sadurniño) | Miñortos (San Martiño) | Nebra (Santa María) | Noal (San Vicente) | Queiruga (Santo Estevo) | Ribasieira (San Pedro) | San Pedro de Muro (San Pedro) | Xuño (Santa Mariña)

Notas

  1. Nomenclátor: Población del Padrón Continuo por Unidad Poblacional a 1 de enero. Año 2019.
  2. "Asociacionismo agrario en Nebra". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-10-26. Consultado o 2020-08-03. 
  3. Díaz Fernández, X.: Nebra, historia dunha infamia, (1988)
  4. PXOM do Concello
  5. "PXOM do Porto do Son. Catálogo de Patrimonio Cultural". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 01 de maio de 2013. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas