Béjar é un municipio e cidade da provincia de Salamanca, na comunidade autónoma de Castela e León. É o núcleo de poboación máis importante do sueste salmantino e considérase a capital ou centro de servizos da comarca da Serra de Béjar. Conforma o partido xudicial de Béjar e a Mancomunidade Encoro de Béjar.
No seu termo municipal atópanse os núcleos de poboación de Béjar, Fuentebuena, Palomares, Valdesangil, El Castañar e La Glorieta. Ocupa unha superficie total de 45,74 km² e tiña en 2017 13.221 habitantes.