Seu pai era František Sedláček (1805–1896), xuíz, e súa nai Františka, apelido de solteira Šemberová (1817–1891), tiña tres irmáns Rudolf (1837–1910), František (1838–1892) e Alois (1853–1901).
Foi primeiro á escola na súa localidade natal e o 16 de xuño de 1850 a familia aveciñouse en Počátek, logo do traslado de seu pai a esa localidade como xuíz do tribunal de distrito, que se establecera recentemente. Completou os últimos anos na entón escola principal en Jindřichov Hradec. Princicipiou o instituto en Jihlava, para pasar despois ao de Písek, e graduouse alí en 1863.
Entre 1863 e 1867 estudou na facultade de filosofía da Universidade Carolina de Praga . En 1872 toda a familia (os pais e os catro fillos da parella) foi denunciada á policía de Praga. Entre outros, asistiu a conferencias dos historiadores Václav Vladivoj Tomek, Antonín Gindely, Konstantin Höfler, o arqueólogo Jan Erazim Vocel e o filólogo clásico Jan Kvíčala . O mesmo que Zigmund Winter a influencia do arquiveiro Josef Emler foi salientable. Entre os anos 1867 e 1869 deu clases, inicialmente, de historia no instituto de Litomyšl pero tamén de latín, checo e alemán. A partir de 1869 deu clase en Rychnov nad Kněžnou e de 1875 a 1899 en Tábor, onde, entre outros, ensinou a Emanuel Chalupný. Casou con Ernestina (Arnoštka) Hlavata en 1871 en Ličné, preto de Rychnov nad Kněžnou, e ao ela morrer aos 52 anos en 1899 [1] retirouse e marchou a Písek, e alí traballou como arquiveiro da cidade. O 26 de abril de 1922 casou por segunda vez, en Písek, coa mestra Tereza Barcalová (1883–1972), case 40 anos máis nova.
Dende pequeno interesouse pola topografía histórica e a casteoloxía. Pasou máis de vinte anos preparando unha obra en quince volumes sobre os castelos e fortalezas do reino de Bohemia que se apareceu como Hrady, zámky a tvrze království Českého. Por razóns editoriais publicouse serialmente ao longo da súa vida entre 1882 e 1923. O último volume apareceu postumamente en 1927.
Mentres traballaba nos arquivos, recolleu unha enorme cantidade de material, só o arquivo xenealóxico e topográfico tiña máis de 400.000 fichas e publicou varias obras sobres diversas cidades checas, que culminaron na súa momumental monografía de case 1500 páxinas sobre a cidade de Písek que saíu do prelo entre 1911 e 1913 co título de Dějiny královského krajského města Písku nad Otavou e que viu unha segunda edición revisada no aniversario da primeira década de Checoslovaquia.
Entre 2001 e 2005 publicouse en cinco volumes a súa obra sobre a heráldica da nobreza medieval checa e morava co título Atlasy erbů a pečetí české a moravské středověké šlechty que se conversara manuscrita.
Aínda que eruditos como Josef Pekař e Václav Novotný criticaron o seu pobre estilo, a monotonía do material presentado ou a supresión do contexto europeo, recolleu moita información sobre o tema, polo que as súas obras son aínda útiles para os especialistas. Outros historiados, como Josef Pekař, eloxiaron a súa coherencia.
Contribución da súa obra
Aínda que a súa contribución é indiscutible, o intento de abranguer un amplo campo de traballo, que ía da historia ata a heráldica, a casteoloxía e os pesos e medidas levouno, moitas veces, a conclusións erradas. Así na súa interpretación do mapa de Xermania de Ptolomeo, -aínda que percibiu correctamente os seus límites e distorsións- non dubidou en considerar Kostelec nad Orlicí como Casurgis (Praga) ou Týnec u Břeclav como Eburodunum (Brno).[2] Do mesmo xeito, a filoloxía de Sedláček pasou por alto ás veces por completo o contexto da probabilidade, como ilustra o seu esforzo por identificar a antiga Canburg ou Wogastisburg con localidades completamente marxinais.[3] Como era habitual entre os historiadores checos da época, Sedláček era un ávido checocentrista que situaba a orixe de todos e de todo no territorio moderno literal das terras checas, e así segundo Sedláček (Hrady, zámky a tvrze, 3, p. 192) Petr z Linda era un pequeno propietario de orixe bohemia do sur, mentres que segundo Herbert Pexa (e a a maioría dos investigadores) procedía de Linz[4] En 1940 a revista Český časopis historický afirmou nunha crítica sobre un traballo de Jan Barták, Okres Jílovský, que "non se conformou con simplemente seguir as notas (a miúdo erróneas) que aparecían na obra sobre castelos de Sedláčky, senón que sempre vai directamente á fonte orixinal". Mesmo Adolf Ludvík Krejčík compilou en 1933 un índice de nomes e de materiais da obra de Augustin Sedláček so o título de Paměti a doklady o staročeských mírách a váhách no que corrixiu moitos dos erros de Sedláček.[5]
Obra
Rozvržení sbírek a berní r. 1615 dle uzavření sněmu generálního nejvyššími berníky učiněné (1869)[6]
Průvodce po Husinci a okolí – A parte histórica é da autoría de August Sedláček, mais a parte xeográfica é de Josef Veselý (1826)
Atlasy erbů a pečetí české a moravské středověké šlechty 1–5 (2001–2003)
Notas
↑Blüml, Josef (1995). "August Sedláček a české dějepisectví". August Sedláček a pomocné vědy historické. Sborník prací z konference ke stopadesátému výročí narození Augusta Sedláčka. Mladá Vožice: Městský úřad v Mladé Vožici. pp. 11–28.
↑Sedláček, August (1880). Ptolemaia zprávy o Čechách a zemích sousedních. p. 27.
↑Sedláček, August (1881). O poloze hradův v letopisech franckých Wogastisburg a Canburg řečených. p. 248.