August Gissler

Modelo:BiografíaAugust Gissler
Biografía
Nacemento9 de setembro de 1857 Editar o valor en Wikidata
Remscheid, Alemaña Editar o valor en Wikidata
Morte8 de agosto de 1935 Editar o valor en Wikidata (77 anos)
Nova York, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoMariño Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónantropólogo, arqueólogo Editar o valor en Wikidata

August Gissler, nado o 19 de setembro de 1857 en Remscheid e finado o 8 de agosto de 1935 en Nova York, foi un mariñeiro e cazatesouros alemán, e político costarriqueño, que gastou boa parte da súa vida en atopar o Tesouro de Lima na Illa de Coco.

Traxectoria

Gissler era o segundo de once irmáns nunha familia de clase alta dedicada á produción de coitelos. En 1877, ás caladas, marchou da casa e botouse a navegar polo mundo, actividade na que investiu uns cantos anos e que o levou a mercar un campo de cana de azucre en Hawai e dedicarse á agricultura.

Pero o azar quixo que un veciño lle mostrase un mapa do tesouro da Illa de Coco, a uns 500 kms ao sur de Costa Rica. Vendeu as terras, deixouno todo, e marchou canda o veciño, que se chamaba Barthels, e o fillo do veciño, a San Francisco co obxectivo de fretar un barco. Finalmente colleron un vapor, baixaron ao porto costarriqueño de Puntarenas e aí cavilaron a posibilidade de acudir á illa para explorar a parte sur, a que naquela altura permanecía menos traballada polos buscatesouros.

Barthels abandonou, e o primeiro intento de Gissler, enrolándose nunha goleta madeireira chilena en troques de dúas semanas de parada na illa, fracasou polos ventos e as correntes. Gissler acabou en Valparaíso e convenceu a catorce empresarios da cidade para que fletasen un barco grande, de 350 toneladas, a Wilhelmina, que a mediados de marzo de 1889 botaba áncoras na baía de Chatham, ao norte da illa. Un mes despois, sen atoparen nada, dez dos catorce accionistas decidiron regresar, prometendo volver con provisións para os que querían seguir sachando (Gissler entre eles). Seis meses despois, cando os catro xa estaban construíndo un bote de madeira para regresar ao continente, regresaron os dez primeiros accionistas. Xuntos cavaron tres meses máis e finalmente todos, incluído Gissler, volveron a Chile.

A terceira expedición sae de Valparaíso en outubro de 1890, cargada con mellores ferramentas, e financiada pola mesma sociedade de accionistas. Tardan catro meses en decatarse do fracaso. Gissler decide daquela trocar a táctica e pensa en cavar, partindo do centro da illa, en círculos concéntricos. Para iso necesitaría toda unha vida, pero esta disposto a marchar a vivir á illa. En xullo de 1891 o presidente de Costa Rica, José Joaquín Rodríguez Zeledón dálle un novo mapa do tesouro e concédelle permiso para establecer unha colonia agraria na illa coa condición de que consiga que cincuenta familias alemás se instalen canda el en Coco. Entre 1891 e 1892 viaxa a Alemaña á procura de colonos, pero non ten éxito, así que decide tentar unha cuarta expedición, que realizou en solitario e onde escavou a zona da praia, sen éxito.

Días despois, xa en Puntarenas, soubo dun novo mapa do tesouro en Boston. Foi ata alá, pagou 700 dólares por velo, e decatouse de que era tan certo como os anteriores. Pero hai mudanza de poder en Costa Rica: Rafael Yglesias Castro gaña as eleccións, e Gissler acode rapidamente onda el para retomar o tema da colonización, pero garantíndolles aos colonos a propiedade das terras. O 13 de decembro de 1894 un barco correo deixa na Illa do Coco a 50 alemáns, entre eles Gissler e a muller, coa que casara rapidamente en Alemaña. O presidente concédelle a nacionalidade costarriqueña a Gissler e noméao gobernador da illa, o único gobernador que tivo Illa do Coco en toda a súa historia. Pero en 1898 marcha o último dos colonos e quedan no territorio unicamente o gobernador e mais a muller. Así viven dous anos seguidos, ata que regresan por tres días á costa á procura de ferramentas. En 1904 Gissler decide facer unha segunda viaxe ao continente, desta vez só, pero unha corrente lévao a Panamá: tarda seis meses en regresar, durante os que a súa muller permaneceu completamente soa na illa.

Co fin de que un médico mirase o brazo da muller, ferido nunha caída durante a súa ausencia, marchan o 6 de novembro de 1905 a Puntarenas coa intención de volver para a semana. Pero cando chegan á cidade reciben unha carta do irmán, que está a piques de morrer en Alemaña. Marchan a Europa, pero cando chegan a Reimscheid o seu irmán está sorprendentemente recuperado. Nunca máis regresarán á illa.

Despois o matrimonio estableceuse en Nova York cunhas irmás del. En 1925 mórrelle a muller, e o 8 de agosto de 1935, logo de tentar venderlle a illa á Mariña estadounidense, sen éxito, morría el.