Architecture in Helsinki

Architecture in Helsinki
OrixeMelbourne, Australia Australia
Período2000 - presente
Xénero(s)indie pop
Selo(s) discográfico(s)Tailem Bend, Polyvinyl, Scotland Yard, Bar/None, Trifekta, Moshi Moshi
MembrosCameron Bird
Gus Franklin
Jamie Mildren
Sam Perry
Kellie Sutherland
Antigos membrosIsobel Knowles
Tara Shackell
James Cecil
Na rede
architectureinhelsinki.com
Facebook: architectureinhelsinki Twitter: aihmusic Instagram: aihmusic MySpace: aihmusic Youtube: UCxHh0oXO-qrRKKrRdhso7Lw Vimeo: architectureinhelsinki Souncloud: aih Spotify: 60eT7q88iLWKnuSXed1AGr iTunes: 7377207 Last fm: Architecture+in+Helsinki Musicbrainz: b91f0973-002e-4237-a39f-c7e02e786e53 Songkick: 445316 Discogs: 177909 Allmusic: mn0000598877 Deezer: 2002 Genius: Architecture-in-helsinki Editar o valor en Wikidata

Architecture in Helsinki é unha banda australiana de indie pop procedente do suburbio de Northcote en Melbourne. O grupo está formado por Cameron Bird, James Cecil, Gus Franklin, Jamie Mildren, Sam Perry e Kellie Sutherland.

Moitos dos seus membros tocan varios instrumentos, e este amplo rango de instrumentación utilizada é unha importante característica da súa música. Nas súas gravacións e nos seus concertos usan dende os máis novidosos sintetizadores ou sampler; pasando por instrumentos clásicos coma a trompeta, a tuba, o trombón ou o clarinete; sen esquecer as guitarras o baixo e a batería.

Architecture In Helsinki comezou a tocar no ano 2000, realizando frecuentes xiras nacionais e internacionais. Xiraron polos Estados Unidos con bandas como Death Cab for Cutie e Clap Your Hands Say Yeah e foron abreconcertos de artistas como David Byrne, The Polyphonic Spree, Yo La Tengo e Belle & Sebastian.

Traxectoria

Formación

Cameron Bird formou Architecture in Helsinki a finais dos 90 en Albury, Nova Gales do Sur. Bird e os seus compañeiros en Architecture in Helsinki Jamie Mildren e Sam Perry aran membros dunha banda adolescente de funk-grunge chamada The Pixel Mittens, e despois dun tempo como trío mudáronse a Melbourne. A banda realizou un ou dous pequenos concertos antes de parar durante algún tempo. No ano 2000, mentres estudaba fotografía nunha escola de arte, Bird coñeceu a James Cecil. Os dous conectaron musicalmente e meses despois Cecil uniuse á banda como batería. Nese tempo Bird coñeceu a Kellie Sutherland nunha festa e convidouna a tocar o clarinete nalgunha das cancións do grupo.

A banda comezou a traballar no seu álbum de estrea pero as gravacións se pararon cando Bird pasou unhas longas vacacións nos Estados Unidos, deixando o traballo sen rematar. Ao regresar, inspirado polas súas experiencias en Portland, Oregón, compuxo a meirande parte dos temas para o álbum en seis días. Estás cancións, curtas e pegadizas, marcaron a nova dirección da banda. Novamente na escola de arte, Bird coñeceu a Isobel Knowles, Tara Shackell e Gus Franklin, que completarían a formación de Architecture in Helsinki. Os tres novos membros completaron os espazos restantes para rematalo, e despois de preto de dous anos de traballo Fingers Crossed foi editado o 9 de febreiro de 2003.

In Case We Die e cambios na formación

No ano 2005, Architecture in Helsinki editou o seu segundo álbum, In Case We Die, a través do seu propio selo Tailem Bend. No álbum aparecen convidados varios músicos locais e da súa produción encargáronse The Carbohydrates (o dúa de produtores formado por James Cecil e Cameron Bird).

A mediados de ano 2006 informaron a través do seu MySpace de cambios na banda. Isobel Knowles e Tara Shackell deixaran o grupo debido a diferenzas creativas.

O 28 de outubro do 2006 Architecture in Helsinki editou We Died, They Remixed, un álbum composto de remesturas de todos os temas de In Case We Die, e unha remestura da canción "Like a Call", do seu álbum de estrea. Entre os artistas que realizaron estas remesturas están Hot Chip, New Buffalo, Safety Scissors, DAT politics, Mocky e Isan.

Places Like This

En setembro de 2006, Architecture in Helsinki anunciou en Pitchfork Media que estaba a traballar nun novo álbum previsto para o 2007, e que os temas serían interpretados na súa xira de outono.[1] No mes de febreiro do 2007 a banda informou no seu MySpace que o álbum chamaríase Places Like This. O traballo foi gravado e mesturado por Chris Coady, que antes traballara con TV on the Radio, Yeah Yeah Yeahs e Grizzly Bear. As gravacións realizáronse no estudio de Dave Sitek (de TV on the Radio) en Williamsburg, Brooklyn e nos Big Jesus Burger Studios en Sydney entre novembro do 2006 e xaneiro do 2007. O seu primeiro sinxelo, "Heart It Races", foi editado en maio do 2007, e o álbum apareceu o 28 de xullo a través do selo Polyvinyl Record Co.

"Heart It Races" foi nomeada ao premio ARIA ao sinxelo do ano. "Heart It Races" e "Hold Music" chegaron aos postos 19 e 36 na lista Triple J Hottest 100.

Durante o concerto de ano novo que a banda realizou o 1 de xaneiro de 2008 anunciaron que ese sería a última actuación de James Cecil con Architecture In Helsinki.

Actualidade

En novembro do 2008, Architecture in Helsinki lanzou un EP titulado That Beep, que se estreou no número 82 da lista australiana de sinxelos ARIA. A banda comezou a traballar nun novo disco, que inicialmente recibiu o nome de Vision Revision.

O 20 de outubro do 2010 a banda anunciou a través de Twitter que o seu novo traballo xa estaba rematado. O 31 de xaneiro do 2011, Architecture in Helsinki informou da data de edición, prevista para o 8 de abril, e da listaxe de cancións do álbum, agora titulado Moment Bends. No mes de xaneiro a banda tamén asinou un contrato co selo Modular Recordings.

O primeiro sinxelo do novo álbum foi "Contact High", que entraría no top 100 en marzo. Moment Bends sería editado o 8 de abril en Australia e o 3 de maio nos Estados Unidos, acadando o número 12 na ARIA Albums Chart. O tema "Escapee" aparece no videoxogo FIFA 12.

Discografía

Álbum Ano Selo Observacións
Fingers Crossed 2003 Trifekta, Bar/None Records
In Case We Die 2005 Tailem Bend, Bar/None Records, Moshi Moshi Records
We Died, They Remixed 2006 Tailem Bend, Bar/None Records remesturas
Places Like This 2007 Polyvinyl, Scotland Yard, Tailem Bend, Co-operative Music
Moment Bends 2011 Modular Recordings
NOW + 4EVA 2014 Casual Workout

Notas

  1. "Architecture in Helsinki Talk New Album | Pitchfork". web.archive.org. 2009-02-08. Archived from the original on 08 de febreiro de 2009. Consultado o 2019-03-28. 

Ligazóns externas