Os apóstolos de Linneo foron dezasete alumnos de Linneo, así batizados por el mesmo. Foron exploradores que levaron a cabo expedicións botánicas e zoolóxicas por todas as partes do mundo.
Linneo utilizou o termo por primeira vez en maio de 1750, o ano en que foi reitor da Universidade de Uppsala.[1]
O daquela director da Axencia sueca das Indias Orientais, Magnus Lagerström (1691–1759), era un partidario entusiasta da ciencia, e estivo totalmente de acordo con este proceder. Tratou a cada un dos mozos viaxeiros cunha atención especial, e recomendou que persoalmente os capitáns dos barcos os tiveran en conta.[2]
Estas expedicións podían seren perigosas, e sete dos «apóstolos» non regresaron. O primeiro «apóstolo», Christopher Tärnström, que partiu de Göteborg en 1745 cara á China, morreu a finais dese ano polos efectos dunha enfermidade tropical. A súa viúva anoxouse agramente con Linneo por deixar aos seus fillos orfos de pai. Despois dese incidente, Linneo só enviou homes solteiros.
Linneo seguiu implicado na maioría das expedicións. Adoito deixaba notas aos seus apóstolos, marcándolles as pautas do que debían buscar durante as súas viaxes, e os apóstolos lle enviaban cartas a Linneo e mostras botánicas. Ao seu regreso, o normal era entregar a Linneo unha selección de todo o encontrado. Porén, Daniel Rolander decidiu non transferirlle a súa colección, e por isto foi criticado por Linneo.
Vermeulen, Han F. (ed.) (2007-2011): The Linnaeus Apostles – Global Science and Adventure (8 vols.). Múnic: IK Foundation & Co Ltd. ISBN 978-1-904145-26-4