María del Amparo Alvajar López Jeán, nada na Coruña o 11 de agosto de 1916 e finada en Monção en maio de 1998, foi unha xornalista, tradutora e escritora galega.
Traxectoria
Filla do político republicano César Alvajar e de Amparo López Jeán, era irmá de Ana María Alvajar, María Teresa Alvajar López e Javier Alvajar López. Destacou dende nova polos seus dotes musicais e intelectuais. Estudou Comercio na Coruña. Na Segunda República traballou no concello da Coruña e foi secretaria de Casares Quiroga. Co triunfo da Fronte Popular marchou a Madrid a traballar para os Servizos Secretos do Ministerio da Gobernación que dirixía Casares Quiroga. Logo do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 trasladouse a Valencia onde casou con Arturo Cuadrado. Despois trasladouse co goberno até Barcelona onde naceu a súa única filla, Silvia. Exiliouse en Francia e embarcou en Bordeos cara a Buenos Aires. Amparo viviu na Arxentina até 1955, onde publicou artigos e ensaios sobre o teatro e sobre Galicia e fixo traducións ao castelán. Tamén estreou as comedias dramáticas Amada y Tú e Un balcón para los Lester. Casou posteriormente cun avogado arxentino co que se trasladou a México. Anos despois volveu separarse, e trasladouse a traballar a Nova York como tradutora da ONU. Despois marchou a París, onde traballou como tradutora do Correo da UNESCO. En 1961 foi directora do equipo de tradución da OIT en Xenebra e tamén foi tradutora no Comité de Desarme, na Organización de Enerxía Atómica e durante a conferencia sobre seguridade europea. Cando se xubilou trasladouse a vivir a Monção onde morreu en maio de 1998.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas