Alfred Zierler, nado en Himberg, na Baixa Austria o 28 de maio de 1933 e finado o 26 de xullo de 2024,[1] foi un medallista, gravador e deseñador de moeda austríaco.[2]
Traxectoria
Alfred Zierler graduouse aos 18 anos dos seus estudos de gravado e só dous anos despois, en 1953, ingresou na Casa da Moeda de Austria (Münze Österreich), en Viena, onde se encargou do procesamento manual dos cuños e os punzóns. A súa formación como gravador de esmaltes serviulle cando se lle encomendou a reorganización do deseño das medallas e das condecoracións austríacas logo da segunda guerra mundial. Finalmente, en 1984 foi nomeado gravador xefe da ceca vienesa e permaneceu nese posto ata a súa xubilación en 1993.[2]
En 1993, conmemorando a fin dos seus servizos na ceca austríaca, Zierler foi condecorado coa Goldenes Ehrenzeichen, a medalla gobernamental polos servizos prestados á República de Austria.[2]
Obra
Polo xeral, as moedas deseñadas por Zierler amosan, a modo de sinatura, a lenda A. ZIERLER ou ben ZIERLER A. nalgún lugar do campo ou do motivo representado. Entre as moedas austríacas responsabilidade de Zierler pódense destacar as seguintes:[2][3]
- 1967: 25 xilins (reverso) 250º aniversario do nacemento de María Tareixa [km# 2901].[4]
- 1977: 100 xilins (reverso). 500º aniversario da ceca de Hall, no Tirol [km# 3936].[5]
- 1978: 50 xilins (reverso). 150º aniversario da morte de Franz Schubert [km# 2937].[6]
- 1978: 100 xilins (reverso). 1100º aniversario da cidade de Villach [km# 2940].[7]
- 1979: 100 xilins (reverso). Centro Internacional de Viena [km# 2944].[8]
- 1981: 500 xilins (reverso). 100º aniversario do nacemento de Otto Bauer [km# 2953].[9]
- 1982: 500 xilins (reverso). 80º aniversario do nacemento de Leopold Figl [km# 2959].[10]
- 1984: 500 xilins (reverso). 175º aniversario da Rebelión do Tirol [km# 2966].[11]
- 1984: 500 xilins (reverso). 700º aniversario da abadía de Stams, no Tirol [km# 2968].[12]
- 1985: 500 xilins (reverso). 40º aniversario do fin da II guerra mundial [km# 2972].[13]
- 1987: 500 xilins (reverso). 150 anos de ferrocarril en Austria [km# 2981].[14]
- 1988: 500 xilins (reverso). 850º aniversario da abadía de San Georgenberg [km# 2984].[15]
- 1989: 500 xilins (anverso e reverso). Art Nouveau: Gustav Klimt. [km# 2987].[16]
- 1991: 20 xilins (reverso). 200º aniversario de Franz Grillparzer [km# 2995].[17]
- 1991: 100 xilins (anverso e reverso). 700º aniversario da morte de Rodolfo I [km# 3001].[18]
- 1991: 1000 xilins (anverso e reverso). 200º aniversario da morte de Mozart [km# 2999].[19]
- 1994: 1000 xilins (anverso e reverso). 800º aniversario da Casa da Moeda de Viena [km# 3018].[20]
- 1995: 1000 xilins (anverso e reverso). 100 anos do Movemento Olímpico [km# 3028].[21]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía