Accidente ferroviario de Castelldefels de 2010

Tren Alaris similar ao tren implicado no accidente.

O Accidente ferroviario de Castelldefels de 2010 produciuse no apeadoiro de proximidades de Platja de Castelldefels, na localidade española de Castelldefels (Barcelona) o 23 de xuño de 2010. No accidente faleceron 12 persoas, sendo un dos máis graves en España desde o de Chinchilla de Monte-Aragón (Albacete) de 2003.[1]

Sucesión dos feitos

Ás 23:18 do día do accidente un tren de proximidades procedente de Barcelona, que saíra ás 23:06 horas destino Sitges, fai parada no Platja de Castelldefels. Do tren, un Serie 451 de Renfe en dobre composición con capacidade para 1 816 persoas, baixouse un número de persoas moi superior ao habitual debido a que na praia contigua programáronse varios actos para a celebración da noite de San Xoán.[2] No apeadoiro atopábanse varios axentes de policía debido á acumulación de xente.[3]

Tras descender do tren, os viaxeiros debían pasar alén das vías para saír do apeadoiro. Para iso, a dependencia dispuña dun paso subterráneo de recente construción e dunha pasarela superior. A pasarela atopábase cortada por obras, o que tan só se indicaba cunha cadea, polo que algúns dos viaxeiros chegados intentaron saír por esta pasarela para despois ter que regresar á plataforma. Nun principio barallouse a posibilidade do colapso do paso subterráneo,[4][5] aínda que os axentes que estaban destacados no apeadoiro declaran que a xente saía con normalidade.[3] Algunhas testemuñas declararon que non foron capaces de ver que existía un paso subterráneo.[3]

Tras a saída do proximidades un grupo dunhas 30 persoas opta por cruzar polas vías.[6]

Ás 23:23 horas tiña paso previsto sen parada pola outra vía un tren Serie 490 de Renfe en servizo Alaris entre Alacant e Barcelona, que circulaba en hora a 139 km/h cando o tramo está autorizado a 150 km/h.[7] O Alaris cruzouse a 150 metros do apeadoiro co proximidades que saía en dirección contraria, polo que baixou a intensidade dos focos para non cegar ao outro maquinista, tal e como establece o regulamento. Ao chegar ao apeadoiro descobre ao grupo de persoas cruzando a vía, polo que activa a bucina e o freo de urxencia. O tren arroia ao grupo 4 segundos despois, e queda detido 800 metros tras activar o freo.[3][8]

Investigación

O suceso someteuse a dúas investigacións: unha técnica, por parte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), e outra xudicial, por parte do Xulgado de Instrución 1 de Gavà.

A investigación da CIAF finalizouse o 31 de xaneiro de 2011. Chegou á conclusión de que todos os sistemas funcionaron adecuadamente e que os maquinistas actuaron correctamente e de acordo ao regulamento.[3] A seguridade do apeadoiro comparouse coas normas doutros países da Unión Europea, deducíndose que a súa disposición era correcta e non require cambios. Non se realizou ningún tipo de recomendación.

A investigación xudicial terminou en primeira instancia co arquivo da causa o 30 de xullo de 2010, ao considerar que o accidente debeuse a unha actuación «imprudente e temeraria» das vítimas e que a estación e os servizos da mesma cumprían coa normativa e as condicións de seguridade. Sobre o maquinista, sinalouse que deu negativo en alcoholemia e consumo de estupefacientes e a súa reacción foi rápida e correcta.[9][10]

"As dilixencias conducen á única conclusión de que os falecementos débense a unha actuación imprudente e temeraria das propias vítimas"

Os familiares recorreron ante a Audiencia Provincial, que lles deu a razón en parte ao considerar que se vulnerou o seu dereito a unha tutela efectiva, e obrigou á reapertura do caso.[11] O xuíz rexeitou que o maquinista do tren sexa imputado.[12]

Vítimas

As vítimas mortais deste suceso son 12[13] persoas de idades comprendidas entre 16 e 28 anos (7 de nacionalidade ecuatoriana, 2 colombianos, 2 bolivianos e 1 romanesa) e unha muller de 46 anos.[14] Outras 14 persoas resultaron feridas (8 homes e 6 mulleres), 1 delas en estado crítico.[15][16][17]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

  • Informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (en castelán)