A actual cidade foi deseñada e fundada a partir de 1805 polo reverendo Alban Thomas Jones Gwynne. O porto consturíuse apoiándose na industria da construción naval no século XIX. Un grupo de casas de obreiros e unha escola foron construídos no lado norte da baía.[4] Os barcos de vapor seguiron visitando o porto ata a década de 1920, e nos últimos anos, converteuse nun pequeno porto para as embarcacións de recreo. O estuario tamén está atravesado por unha ponte peonil de madeira.
A artesanía foi unha parte importante da vida da localidade. A información rexistrada nos directorios comerciais amosa que en 1830, aínda que non se desenvolvera plenamente como porto, había en Aberaeron un fabricante de la, un zapateiro, un panadeiro, un muíño de millo, un ferreiro e fabricante de pas, dous carpinteiros de ribeira e un fabricante de sombreiros.[5]
A finais da década de 1890, un teleférico alimentado a man, o Aeron Express, foi construído para transportar ós traballadores a través do porto cando a ponte foi derrubada polas asulagamentos. A estrutura foi recreada nos anos 1980 como unha atracción turística que se prolongou ata a fin do verán de 1994.
A arquitectura de Aberaeron é infrecuente nesta parte rural de Gales, xa que está construído arredor dunha praza principal de elegantes edificios agrupados arredor do porto. Foi unha obra de Edward Haycock, un arquitecto de Shrewsbury. Algúns edificios desta zona foron de suficiente interese como para aparecer nalgúns dos selos postais británicos.[4]