Abdelaziz Djerad, nado en Jenchela o 12 de febreiro de 1954, é un politicólogo e profesor de relacións internacionais. O 28 de decembro de 2019 foi nomeado primeiro ministro de Alxeria polo presidente Abdelmadjid Tebboune.
Traxectoria
Orixinario de Jenchela, na zona de Aurés, licenciouse na Facultade de Ciencias Políticas e Relacións Internacionais da Universidade de Alxer en 1976 e completou un doutoramento na Universidade París X Nanterre (1981). Foi membro da FLN, da que formou parte da administración nos anos noventa.[1]
Foi director da Escola Nacional de Administración de Alxer de 1989 a 1992, conselleiro diplomático da Presidencia da República de 1992 a 1993 xunto ao presidente Ali Kafi e un ano despois foi nomeado secretario xeral da presidencia da República (1993-1995 ) cargo que ocupou durante o primeiro ano do mandato do presidente Liamine Zéroual (1994-1999), tamén orixinario da zona de Aurés e de quen foi considerado próximo. De 1996 a 2000 foi director xeral da Axencia Alxeriana de Cooperación Internacional[2] e de 2001 a 2003 asumiu a secretaría xeral do Ministerio de Asuntos Exteriores durante o primeiro mandato de Abdelaziz Buteflika, que finalmente o cesou.[1] Membro do Comité Central do FLN en 2004 apoiou a Ali Benflis nas eleccións presidenciais.[3]
Politicólogo e profesor de relacións internacionais na Facultade de Ciencias Políticas de Alxeria e da Escola Nacional de Administración,[4] o 28 de decembro de 2019, foi nomeado primeiro ministro polo presidente Abdelmadjid Tebboune, en substitución de Sabri Boukadoum, ministro de Asuntos Exteriores que fora nomeado primeiro ministro interino tras a dimisión de Nureddine Bedui o 19 de decembro, día da inauguración de Tebboune como novo xefe de Estado.
Dende que comezaron as protestas en Alxeria, Djerad realizou varias intervencións radiofónicas apoiándoas e esixindo que Bouteflika e os seus aliados renunciaran ao poder.[5]
Notas