A ADN polimerase Pfu, tamén chamada Pfu DNA polimerase ou Pfu polimerase é unha ADN polimerase da arquea hipertermófila Pyrococcus furiosus. A súa función no microorganismo desta nucleotidiltransferase é replicar o seu ADN durante a división celular.
A Pfu polimerase utilízase no laboratorio para amplificar o ADN na reacción de cadea da polimerase (PCR), función para a que presenta varias vantaxes en relación co encima tradicionalmente usado Taq polimerase da bacteria termófila Thermus aquaticus, xa que é máis estable termicamente, e sobre todo ten unha actividade de exonuclease 3'-5' que permite eliminar os erros de inserción de bases durante a replicación (actividade de corrección de probas). En consecuencia, a PCR realizada coa Pfu polimerase é máis fiable que a realizada usando a Taq polimerase.
A Pfu polimerase dispoñible comercialmente xera unha taxa de erro de 1 por 1,3 millóns de pares de bases e pode producir un 2,6 % de produtos mutados na PCR. Porén, é máis lenta que a Taq polimerase, xa que tarda de 1 a 2 minutos por ciclo para amplificar 1 kb de ADN a 72 °C.
Historia
Os científicos da compañía Stratagene, de California, descubriron as vantaxes da Pfu en comparación coa Taq en 1991.[2] Obtiveron a patente 5.489.523 nos Estados Unidos sobre unha Pfu deficiente en actividade exonuclease e outra patente co número 5.545.552 sobre a propia Pfu en 1996.
Nota
- ↑ Suhng Wook Kim, Dong-Uk Kim, Jin Kwang Kim, Lin-Woo Kang et Hyun-Soo Cho, « Crystal structure of Pfu, the high fidelity DNA polymerase from Pyrococcus furiosus », International Journal of Biological Macromolecules, vol. 42, no 4, 1er mai 2008, p. 356-361 DOI:10.1016/j.ijbiomac.2008.01.010. PMID 18355915
- ↑ Lundberg et al., "A High Fidelity Thermostable DNA Polymerase Isolated from Pyrococcus Furiosus," Strategies 4:34-35 (1991) e Gene 1991 Dec 12;108(1):1-6)