Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
O ácido N-metil-D-aspártico, abreviado como NMDA, tamén chamado N-metil-D-aspartato, é un derivado de aminoácido que actúa como agonista específico no receptor de NMDA, imitando a acción do glutamato, que é o neurotransmisor que normalmente actúa nese receptor. A diferenza do glutamato, o NMDA só se une e regula ao receptor de NMDA e non ten efecto sobre outros receptores do glutamato (como os específicos para o AMPA e o kainato). Os receptores de NMDA son especialmente importantes cando están sobreactivados durante, por exemplo, o abandono do consumo de alcohol etílico en alcohólicos, xa que causa síntomas como axitación e, ás veces, convulsións epileptiformes.
Función biolóxica
O NMDA é unha substancia sintética hidrosoluble que non se encontra normalmente nos tecidos biolóxicos. Foi sintetizada por primeira vez na década de 1960. O NMDA é unha excitotoxina (mata células nerviosas ao sobreexcitalas); isto ten aplicacións en investigacións das neurociencias do comportamento. O campo de traballo no que se utiliza esta técnica adoita denominarse "estudos de lesións". Os investigadores aplican NMDA a rexións específicas do cerebro dun suxeito animal ou da súa medula espiñal e seguidamente comproban o comportamento de interese, como un comportamento operante. Se o comportamento se ve afectado, iso suxire que o tecido destruído formaba parte da rexión do cerebro que facía unha importante contribución á expresión normal dese comportamento.
Porén, en pequenas cantidades o NMDA non é neurotóxico. De feito, o funcionamento normal do receptor de NMDA permite que os individuos respondan a estímulos excitarorios por medio do funcionamento interrelacionado dos receptores de NMDA, o glutamato e a dopamina.
Por tanto, a acción do glutamato especificamente a través dos receptores de NMDA pode investigarse inxectando pequenas cantidades de NMDA en certas rexións do cerebro: por exemplo, a inxección de NMDA na rexión do tronco cerebral induce a locomoción involuntaria en gatos e ratas.
O mecanismo de acción do receptor de NMDA é que un agonista específico se una ás súas subunidades NR2 e que despois se abra unha canle de catións non específica, o que permite o paso de Ca2+ e Na+ cara ao interior da célula e de K+ cara ao exterior. O potencial postsináptico excitatorio producido pola activación dun receptor de NMDA tamén incrementa a concentración de Ca2+ na célula. O Ca2+ pode á súa vez funcionar como segundo mensaxeiro en varias vías de sinalización.[2][3][4][5] Este proceso está modulado por varios compostos endóxenos e exóxenos e xoga un papel clave nunha ampla variedade de procesos fisiolóxicos (por exemplo, a memoria) e patolóxicos (por exemplo, a excitotoxicidade).
↑"N-Methylaspartate - Compound Summary". PubChem Compound. USA: National Center for Biotechnology Information. 24 June 2005. Identification. Consultado o 9 January 2012.
↑Dingledine, R; Borges K (Mar 1999). "The glutamate receptor ion channels". Pharmacol. Rev.51 (1): 7–61. PMID10049997.
↑Liu, Y; Zhang J (Oct 2000). "Recent development in NMDA receptors". Chin Med J (Engl)113 (10): 948–56. PMID11775847.
↑Cull-Candy, S; Brickley S (Jun 2001). "NMDA receptor subunits: diversity, development and disease". Current Opinion in Neurobiology11 (3): 327–35. PMID11399431. doi:10.1016/S0959-4388(00)00215-4.