O espazo abrangue a case totalidade do río Tea. Comeza polo leste en Covelo cubrindo parte da ribeira do rego de Fofén, que é afluente do río Tea. Outra área protexida é a do o río Alén, que é un tributario do Tea e que xungue con este entre Covelo e Mondariz. O treito protexido do Alén comeza no río da Portela do Foxo en Fornelos de Montes e continúa polo Alén cara ao sur. Ademais, na raia entre Mondariz e Mondariz-Balneario únese outro treito protexido, o do río Xabriña, e que procede do sur de Mondariz. Ao chegar ao concello de Ponteareas o Tea recibe ao rego de Borbén, que decorre desde Pazos de Borbén ata chegar alí. Arredor do sur da vila de Ponteareas o espazo abrangue tamén un pequeno afluente, o regato de Bouza.[4]
Desde Ponteareas o Tea continúa dirección sur ata chegar ao Miño en Salvaterra, desembocando á altura da illa de Fillaboa. A desembocadura no Miño supón a unión coa ZECBaixo Miño.[4]
Hábitats
O río Tea limítase a cubrir só aos leitos de río e algunha cabeceira, como o caso de áreas en Covelo. Os hábitats de interese de protección que destacan nel son as formación herbosas naturais ou non naturais, como os prados; e algunhas formación rochosas e covas e bosques de encostas, que son mixtos e con especies caducifolias como os freixos ou lamigueiros.[4][3][5]
Fauna e flora
Flora
O espazo natural está dominado pola flora acuática e de leitos do río, dos bosques de ribeira de abeneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsior) e as carballeiras galaico-portuguesas de carballos (Quercus robur) e cerquiños (Quercus pyrenaica). Destacan tamén pola súa importancia algúns bosques de encostas e as pseudo-estepas de gramíneas anuais.[4][3][5]
Entre as especies presentes do catálogo galego de especies ameazadas están[4][3][5]: