Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Xosé Castro.
Xosé Castro, nado o 29 de marzo de 1971 na Cañiza e finado tamén na Cañiza o 12 de xuño de 2023, foi un deseñador de moda de muller galego.
Traxectoria
A súa familia estaba vinculada a negocios de restauración[1]. Despois de estar interno nos maristas de Ourense, comezou a estudar para esteticién, pero marchou a Santiago de Compostela a traballar na hostalaría. Logo fixo deseño de moda e patronaxe e en 1993 queda finalista do Premio Internacional Smirnoff. Daquela múdase a Barcelona, onde ingresa na Escola de Artes e Técnicas da Moda. Alí estuda a moda aplicada ao espectáculo e produce o vestiario do musical Pensando Flamenco, de Antonio Canales. Tamén protagoniza e deseña a moda do filme Bla, bla, bla, sobre deseñadores independentes.
Deseñador
En 1997 ingresou no Royal College of Art de Londres para perfeccionar os seus coñecementos de moda e para traballar creando proxectos para deseñadores. Graduado e á volta a Barcelona, en 2000, comezou a traballar para outros deseñadores, como Marina Rinaldi, Mikel Rosen, Antonio Miró ou María Moreira. Nese ano 2000 obtivo o premio Tesoiras ao mellor deseñador novo[1]. Tamén é dese tempo a súa primeira colección propia, chamada Agenor Tabaré.
En 2008 creou uns vaqueiros que vestiu Sarah Jessica Parker, a actriz estadounidense, na serie de televisión internacional Sex and the City[1]. Tamén nunha ocasión fixo uns pantalóns que acabou levando Lady Gaga[2].
Foi deseñador para a marca Desigual e traballou tamén para distintas marcas, tanto en roupa como en complementos: Kukuxumusu, Planeta, Carnoá, Cruzcampo, Marchon, Caramelo, Tous, Cubic, Surkana, Barada ou Quart Textil[1]. Tivo a súa propia colección de alta costura, chamada El cuervo. Desfilou en pasarelas de Valencia, Barcelona, Marsella e Xenebra. En 2021 trasladou o seu estudo de costura á Cañiza.
Ademais, foi director de arte dos traballos de fin de grao no barcelonés Istituto Europeo di Design (IED) e profesor de proxectos no mestrado de moda da Universidade de Vigo.
Falecemento
Enfermou de cancro e foi hospitalizado no Álvaro Cunqueiro de Vigo. Á súa morte doou as súas creacións para bolsas de artistas novos e para a Asociación Española contra o Cancro. Foi soterrado no camposanto de Santa Teresa, na Cañiza.
Honras
Ingresou na Federación Francesa da Costura[2].
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas