O Xiaojing (chinés tradicional: 孝經; chinés simplificado: 孝经; pinyin: Xiàojīng; Wade-Giles: Hsiao4-ching1) ou Clásico da piedade filial é un dos Trece Clásicos do confucianismo, centrado no tema da piedade filial. É dicir, que contén recomendacións sobre como comportarse cos pais, cos irmáns máis vellos ou cos gobernantes.
O texto foi escrito cara a finais do período dos Reinos Combatentes ou comezos da dinastía Han, e está baseado nunha conversa entre Confucio e un dos seus discípulos, Zengzi. Trátase dunha obra moi empregada en dinastías posteriores como medio de ensinanza moral para os nenos.
Autoría
O Xiaojing data do século IV ou III a.C.; a súa autoría é descoñecida. Segundo a tradición, é o rexistro dunha conversa entre Confucio e o seu discípulo Zengzi. Un erudito do século XII, He Yin, afirmou: "O Xiaojing non é obra do propio Zengzi. Cando este finalizou as súas conversas co mestre sobre o tema da piedade filial, repetiu aos estudantes da súa propia escola os contidos das mesmas. Foron estes os que clasificaron os ditos de Confucio, dando forma ao tratado".
Contido
Tal e como suxire o título, o libro trata sobre o tema da piedade filial, un dos valores basilares do confucianismo. O argumento central da obra é que a xente que ama e serve aos pais debe facer o mesmo cos gobernantes, o que conducirá a unha sociedade en harmonía:
資於事父以事母,而愛同;資於事父以事君,而敬同。
Tal e como serven aos pais, así serven ás nais, e as aman por igual. Tal e como serven aos pais, así serven aos gobernantes, e os reverencian por igual.
Xiaojing
Influencia
O Xiaojing ocupou un lugar destacado na educación clásica da China imperial. Foi empregado na educación máis básica, xunto co Lunyu, o Xiaoxue ou o Lie nü zhuan. O seu estudo mencionábase en epitafios como mostra do bo carácter dunha persoa. Tamén era habitual recitalo a viva voz durante o loito polo pasamento dos pais.
A nivel político, tivo moita influencia, xa que a piedade filial era un medio para demostrar a propia virtude e acceder postos na corte imperial. Así mesmo, foi citado por algúns dos neoconfucianos máis relevantes, entre os que destaca Zhu Xi.
Traducións
En castelán
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Ligazóns externas