Xesús Rodríguez Rodríguez, nado en Cabreiros (Xermade) en 1969, é un pedagogo galego.
Traxectoria
Doutorouse en Filosofía e Ciencias da Educación coa tese Os materiais curriculares e a Reforma Educativa en Galicia (Premio Nacional de Investigación), que deu pé ao libro Os materiais curriculares en Galicia (Xerais, 2009). Na actualidade é mestre e profesor do departamento de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Santiago de Compostela. Como investigador está especializado nos materiais e recursos didácticos en soporte impreso e dixital. É membro de Nova Escola Galega e dirixe a Revista Galega de Educación.
Exerceu a docencia na Universidade de Porto Rico. É directivo da IARTEM (Internacional Association for Research on Textbooks and Educational Media), vicedecano da Facultade de CC. da Eduación e forma parte do grupo de investigación Stellae.
En 2003 obtivo o I Premio de Innovación da USC coa experiencia A elaboración de materiais didácticos pro e para Adultos/as.
No ano 2004, xunto cun grupo de mestres do CEIP Serra de Outes obtivo o I Primeiro Premio Educompostela (2004) cunha experiencia para alumnado con necesidades educativas especiais.
Obras
- Os materiais curriculares e a atención á Diversidade Sociocultural (2005)
- A Fenda Dixital (2007)
- As actividades e os Recursos Educativos dos Museos de Galicia (2008)
- Análise socioeducativa do Concello de Boiro (1996)
- Análise da Rede de Centros do Concello das Pontes (2007)
- A Escola, Punto de Encontro entre o profesorado e educadores/as sociais (2006)
Coordinou ou participou en proxectos de elaboración de materiais didácticos, e coordina o congreso de Materiais Didácticos de Nova Escola Galega.