O Xardín das Pereiras recibe o seu nome das árbores plantadas no interior do edificio no que se situaba a escola.[2] Os seus estudantes eran comumente coñecidos coma os "fillos do Xardín das Pereiras".[2][3] O célebre dramaturgo Guan Hanqing foi alcumado "líder do Xardín das Pereiras" (liyuan lingxiu 梨園領袖).[4]
En dinastías posteriores, o termo liyuan serviu para referirse ao múndo da ópera chinesa en xeral.[2][3] Aínda na actualidade, os intérpretes desta arte son chamados metaforicamente liyuan zidi 梨园子弟 ("fillos do Xardín das Pereiras"), e as familias con varias xeracións no oficio reciben o apelativo de liyuan shijia 梨园世家 ("familias do Xardín das Pereiras").[2]
Xapón
En Xapón, o termo equivalente rien 梨園 refírese ao mundo do kabuki.[5] Este significado entrou en uso durante o período Edo, grazas aos estudos de eruditos especializados na cultura chinesa.[5]
Historia
Primeiras fontes
A primeira fonte histórica en facer referencia ao Xardín das Pereiras é o Yunyang gongji 云阳宫记 ("Os rexistros do pazo de Yunyang"), da dinastía Han (206 a.C.-220 d.C.).[2][3] O texto menciona a existencia deste xardín xunto con outros dedicados a diversas árbores froiteiras, moito antes da creación da escola.[2][3]
Fundación da escola
A institución apareceu durante a dinastía Tang (618-907), coñecida como "a era dos mil entretementos". O emperador Xuanzong fundouna dentro da cidade palatina de Chang'an (actual Xi'an), co obxectivo de fomentar as actuacións de música, danza e teatro.[2] En concreto, desexaba promover a música secular e o lecer, en contraposición ao templo Taichang, que se encargaba das composicións para os rituais e outros eventos formais.[3] Trescentos músicos e intérpretes foron adestrados cada ano baixo a supervisión do propio monarca, que ás veces se unía aos estudantes nas súas actuacións.[1][2]
Decadencia
O centro viuse afectado pola rebelión de An Lushan, xa que Xuanzong tivo que fuxir até Sichuan para escapar das tropas inimigas, interrompendo o ensino no Xardín.[2] A dispersión dos artistas e as mudanzas políticas impediron que recuperase a grandeza do seu apoxeo; porén, a súa decadencia contribuíu ao desenvolvemento da música folclórica entre as clases populares.[3]