Juan María de la Coba Gómez,[1] nado en Ourense o 30 de marzo de 1829 e finado na mesma cidade o 9 de novembro de 1899, foi un escritor e inventor galego, considerado un dos animadores máis excéntricos da vida cultural da súa cidade.[2]
Traxectoria
Perito agrimensor de profesión, foi ebanista, inventor e poeta. Recordado polo seu invento do Pirandárgallo, un paraugas universal, que segundo argumentaba, “bastaba poñelo aberto no curuto do Polo Norte para que as pingueiras da chuvia nin sequera chiscasen a panza do Ecuador da Esfera Terráquea”. Inventou tamén unha lingua, o trampitán, idioma empregado por Gonzalo Torrente Ballester na novela La saga/fuga de J. B.[3]. Escribiu dúas pezas teatrais en galego, mais segundo a crítica o contido das súas obras era de calidade pésima e carentes de acción e de interese.[4]