O voo 626 de Yemenia era un reactor bimotor Airbus A310-324, operado por Yemenia, que realizaba un servizo regular entre Sana'a, Iemen, e Moroni, Comores. O día 30 de xuño de 2009 ao redor das 1:50 AM hora local, mentres se aproximaba ao aeroporto internacional Príncipe Said Ibrahim, o avión esnafrouse matando a 153 dos 154 ocupantes.[1][2] A única supervevinte, unha rapaza de 14 anos chamada Bahia Bakari, foi atopada agarrada a restos do avión tras flotar no océano durante trece horas.[3][4] Bakari foi dada de alta do hospital o día 23 de xullo.[5]
O informe final do accidente conclue que as inapropiadas accións dos pilotos conduciron a unha perda aerodinámica. O informe tamén destaca que a tripulación non reaccionou ás advertencias emitidas pola aeronave.[6]
Avión
O aparello era un Airbus A310-324, con rexistro 7O-ADJ, fabricado en 1990 co número de serie 535. No momento do accidente levaba en servizo 19 anos e 3 meses e acumulaba 53 587 horas de voo en 18 129 ciclos.[1]
O avión era propiedade de International Lease Finance Corporation (ILFC) e entrou en servizo coa aeroliña Air Liberté o 30 de maio de 1990. Tras ser alugado a distintos operadores comezou a voar con Yemenia en setembro de 1999 co rexistro 7O-ADJ, permanecendo nesa compañía ata o accidente.[7][8]
Dominique Bussereau, o ministro francés de transportes, informou de que o avión fora inspeccionado en 2007 pola Dirección Xeral de Aviación Civil francesa e se lle atoparan múltiples fallos; porén, dende entón o aparello non regresou a Francia, polo que nunca volveu ser inspeccionado pola mesma autoridade.[2][9]
Notas