Aínda que se presentou por primeira vez ás eleccións en 1983, como tal non se constituíu ata 1987 como movemento popular que reunía a sectores tamén procedentes do feminismo e do movemento antinuclear. Nas 1987 obtivo 4 representantes, que nos seguintes comicios aumentarían ata os 10. Nas eleccións europeas de 2004 obtiveron 2 eurodeputados e nas lexislativas de 2007 chegaron ata os 15 deputados (a mellor marca na historia da formación).
Tralas eleccións ao parlamento finés de 2011, a Liga Verde situouse como a 6ª forza política de Finlandia con 10 deputados e o 7,3% dos votos (212.837), aínda que os seus resultados foron peores que nos comicios anteriores, nos que conseguiran 15 escanos e o 8,46% dos votos (234.429).
Dende que a Liga Verde conseguiu os seus primeiros dous deputados no Parlamento de Finlandia (os dous independentes) en 1983, a formación ecoloxista conseguiu mellorar sempre os seus resultados agás en 1995 e 2011, sendo nesta última cita electoral onde se produciu o maior retroceso da formación, perdendo 5 escanos e ao redor de 20.000 votos.
Finlandia entrou na Unión Europea en 1995 xunto a Austria e Suecia, durante a Cuarta Lexislatura do Parlamento Europeo (1994-1999), asignándolle 16 eurodeputados en 1996 e 1999, 14 en 2004, e 13 en 2009. Dende as primeiras eleccións en 1996, a Liga Verde ten logrado sempre 1 o 2 escanos en tódolos comicios celebrados. Destacan as figuras de Heidi Hautala, que foi eurodeputada en 3 lexislaturas, e que o foi tamén de 2009 a 2011, ata ser nomeada ministra de desenvolvemento. Tarja Cronberg ocupa o posto de Hautala dende aquela. Ademais a exministra Satu Hassi, é actualmente eurodeputada.