Vicente García Temes, nado en Pontevedra en 1870 e finado na mesma cidade o 7 de maio de 1937, foi un avogado e político galego.
Traxectoria
Fillo de Francisco García Escudero, era sobriño de Valentín García Escudero e Matilde Temes Trujeda a súa dona. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Foi concelleiro republicano en Pontevedra en 1897, 1899, 1900, síndico en 1901, concelleiro en 1902, 1906, 2º tenente de alcalde en 1909, concelleiro en 1912 e de novo 2º tenente de alcalde en 1914. Membro de «Helenes nº 7», o seu nome simbólico era Viriato e foi grao 1º. Dirixiu os periódicos La Unión Republicana (1898), El Combate (1899) e La Acción (1905) e foi redactor de El Rebelde, voceiros da prensa republicana. Pertenceu á directiva do Partido Republicano de Pontevedra. Foi un dos asinantes, pola Xunta municipal do Partido Republicano, que convocou a recibir a Alejandro Lerroux en Pontevedra o 26 de xullo de 1904. Participou na Confederación Regional de Agricultores Gallegos (CRAG) e interveu nas campañas antiforais e obreiristas. Foi desterrado a Lugo polo Gobernador civil. En 1918 presentouse ás eleccións para deputado provincial polo distito de Vigo como candidato republicando fronte a Benito Corbal, e non resultou elixido.[1] Na Segunda República militou na Federación Republicana Gallega, vencellandose en 1931 ao Partido Republicano Radical Socialista do que foi designado vicepresidente en xullo.[2] Elixido vocal da Comisión Xestora da Deputación de Pontevedra polo Colexio de Avogados en maio de 1931, foi presidente da Deputación o 1 de agosto de 1932.
Notas
- ↑ Faro de Vigo, 23-12-1918, p. 1.
- ↑ El Pueblo, 18-7-1931, p. 4.
Véxase tamén
Bibliografía