O verde de metilo (CI 42585) é unha tinguidura catiónica (cargada positivamente) relacionada co verde de etilo, que foi utilizada para tinguir o ADN desde o século XIX.[1] Era utilizado para tinguir os núcleos das células como parte da tinguidura Unna-Pappenheim clásica ou como contratinguidura nuclear desde entón.
En anos recentes, as súas propiedades fluorescentes[2] cando se une ao ADN fixérono útil para obter imaxes de luz vermella distante de núcleos de células vivas.[3]
A tinguidura fluorescente do ADN utilízase de rutina para facer a prognose do cancro.[4]
O verde de metilo estase convertendo tamén nunha alternativa para a tinguidura do ADN en xeles de agarosa, ensaios fluorométricos e citometría de fluxo.[3][5] Tamén se viu que se pode utilizar como unha tinguidura de exclusión de viabilidade de células.
A súa interacción co ADN é non intercalante, é dicir, non se insire dentro da molécula de ADN, senón que interacciona electrostaticamente na superficie do suco maior do ADN.[6] Utilízase en combinación coa pironina na tinguidura verde de metilo-pironina, que tingue e diferencia o ADN do ARN.
Cando se excita a 244 ou 388 nm en solución acuosa neutra, o verde de metilo produce unha emisión fluorescente a 488 ou 633 nm, respectivamente. A presenza ou ausencia de ADN non ten efecto sobre estes comportamentos fluorescentes. Cando se une ao ADN en condicións acuosas neutras, o verde de metilo faise tamén fluorescente no vermello distante cun máximo de excitación de 633 nm e un máximo de emisión de 677 nm.[3]
As preparacións comerciais de verde de metilo están a miúdo contaminadas con cristal violeta, o cal pode ser eliminado por extracción con cloroformo.[3]
Notas
- ↑ Carnoy JB (1884). La biologie cellulaire, étude comparée de la cellule dans les deux règnes / par le chanoine J.B. Carnoy... Bibliothèque nationale de France, département Sciences et techniques, 8-S-6259: J. Van In. p. 148. Consultado o 3 November 2017.
- ↑ "fluorophores.org". www.fluorophores.tugraz.at. Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2020. Consultado o 8 August 2016.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Prieto D, Aparicio G, Morande PE, Zolessi FR (September 2014). "A fast, low cost, and highly efficient fluorescent DNA labeling method using methyl green". Histochemistry and Cell Biology 142 (3): 335–45. PMID 24671497. doi:10.1007/s00418-014-1215-0.
- ↑ Klonisch T, Wark L, Hombach-Klonisch S, Mai S (September 2010). "Nuclear imaging in three dimensions: a unique tool in cancer research". Annals of Anatomy = Anatomischer Anzeiger 192 (5): 292–301. PMID 20800459. doi:10.1016/j.aanat.2010.07.007.
- ↑ Prieto D, Aparicio G, Machado M, Zolessi FR (May 2015). "Application of the DNA-specific stain methyl green in the fluorescent labeling of embryos". Journal of Visualized Experiments (99): e52769. PMC 4542129. PMID 25993383. doi:10.3791/52769.
- ↑ Kim SK, Nordén B (January 1993). "Methyl green. A DNA major-groove binding drug". FEBS Letters 315 (1): 61–4. PMID 8416812. doi:10.1016/0014-5793(93)81133-K.