Vega é a estrela máis brillante da constelación de Lyra, no hemisferio setentrional. Ten a designación de Bayerα Lyrae, latinizada como Alpha Lyrae e abreviada Alpha Lyr ou α Lyr. Esta estrela está relativamente próxima (só 25 anos luz) do Sol, e xunto con Arcturus e Sirius, é unha das estrelas máis luminosas na veciñanza do Sol. É a quinta estrela máis brillante do ceo nocturno e a segunda máis brillante do hemisferio norte despois de Arcturus.
Vega foi amplamente estudada polos astrónomos, levando a ser denominada "probablemente a segunda estrela máis importante do ceo despois do Sol".[1] Vega foi a Estrela Polar arredor do 12 000 a.C. e volverá selo arredor do ano 13 727, cando a súa declinación sexa +86° 14′.
[2] Vega foi a primeira estrela tralo Sol da que se fotografou o seu espectro.[3][4] Foi unha das primeiras estrelas da que se estimou a distancia mediante medidas da paralaxe. Vega serviu como base para calibrar a escala de brillo fotométrico e foi unha das estrelas empregadas para definir o punto cero do sistema fotométrico UBV.
Vega ten só arredor dunha décima parte da idade do Sol, mais é 2,1 veces máis masiva e a súa vida esperada é tamén unha décima parte da do sol; ambas as estrelas están aproximándose á metade da súa esperanza de vida. Vega ten unha presenza infrecuentemente baixa de elementos de número atómico maior ca o helio.[5] Vega é unha estrela variable, cun brillo que varía lixeiramente. Rota rapidamente a unha velocidade de 236 km/s no ecuador. Isto fai que o ecuador se abombe debido aos efectos centrífugos e como consecuencia existe variación de temperatura na fotosfera da estrela que acada o máximo nos polos. Dende a Terra, Vega obsérvase desde a dirección dun destes polos.[6]
α Lyrae (latinizado como Alpha Lyrae) é a designación de Bayer da estrela. O nome tradicional Vega (anteriormente Wega[9]) procede dunha tradución aproximada da palabra árabewāqi (árabe: واقع), que significa "caendo" ou "aterrando", a partir da frase an-nasr al-wāqi (árabe: النّسر الْواقع), "a aguia que cae".[10] En 2016, a Unión Astronómica Internacional (IAU) organizou un grupo de de traballo sobre o nome das estrelas (WGSN)[11] para catalogar e estandarizar os nomes apropiados das estrelas. O primeiro boletín do WGSN de xullo de 2016[12] incluíu unha táboa cos primeiros dous grupos de nomes aprobados que incluía Vega para esta estrela.[13]
Observación
Vega pode ser vista preto do zénit nas latitudes medias-setentrionais durante o serán no verán boreal.[14] En latitudes medias-meridionais pode verse por riba do horizonte norte durante o inverno austral. Cunha declinación de +38.78°, Vega só pode verse en latitudes ao norte dos 51° S. Polo tanto non é visible en absoluto na Antártida nin na parte máis meridional de Suramérica, incluída Punta Arenas, Chile. En latitudes por riba dos 51° N, Vega permanecer continuamente sobre o horizonte como unha estrela circumpolar. Arredor do 1 de xullo, Vega acada a culminación de medianoite, cando cruza o meridiano.[15]
A estrela é un vértice dun grande asterismo chamado triángulo de verán, formado por Vega e dúas estrelas de primeira magnitude, Altair, en Aquila, e Deneb en Cygnus.[14] Esta formación ten a forma aproximada dun triángulo rectángulo, con Vega situada no ángulo recto. O triángulo de verán é recoñecible nos ceos boreais porque hai poucas estrelas brillantes na súa veciñanza.[16]
Notas
↑Gulliver, Austin F.; Hill, Graham; Adelman, Saul J. (1994). "Vega: A rapidly rotating pole-on star". The Astrophysical Journal429 (2): L81–L84. Bibcode:1994ApJ...429L..81G. doi:10.1086/187418.
↑Barger, M. Susan; White, William B. (2000) [First published 1991]. The Daguerreotype: Nineteenth-Century Technology and Modern Science. JHU Press. p. 88. ISBN978-0-8018-6458-2.
↑Barker, George F. (1887). "On the Henry Draper Memorial Photographs of Stellar Spectra". Proceedings of the American Philosophical Society24: 166–172.
↑Kinman, T.; Castelli, F. (2002). "The determination of Teff for metal-poor A-type stars using V and 2MASS J, H and K magnitudes". Astronomy and Astrophysics391 (3): 1039–1052. Bibcode:2002A&A...391.1039K. doi:10.1051/0004-6361:20020806.
↑Su, K. Y. L.; Rieke, G. H.; Misselt, K. A.; Stansberry, J. A.; Moro-Martin, A.; Stapelfeldt, K. R.; Werner, M. W.; Trilling, D. E.; Bendo, G. J. (2005). "The Vega Debris Disk: A Surprise from Spitzer". The Astrophysical Journal628 (1): 487–500. Bibcode:2005ApJ...628..487S. arXiv:astro-ph/0504086. doi:10.1086/430819.