Vacina contra o VIH

Unha vacina contra o VIH é unha vacina que ten o propósito de protexer ás persoas que non están infectadas con VIH de contraer ese virus, ou de ter un efecto terapéutico para as persoas infectadas con VIH. Actualmente non existe unha vacina eficaz contra o VIH, pero múltiples ensaios clínicos buscan crear unha.[1]

Varios enfoques para o desenvolvemento de vacinas contra o VIH.

Descrición xeral

Na actualidade atópanse dispoñibles tratamentos médicos alternativos a unha vacina. A terapia antirretroviral altamente activa (HAART, polas súas siglas en inglés) demostrou ser beneficiosa para moitas persoas infectadas co VIH, incluíndo mellorar a saúde, incrementar a expectativa de vida, controlar a carga viral e a prevención da transmisión durante o parto ou a parellas sexuais. A terapia antirretroviral debe ser tomada cronicamente, de forma diaria e sen interrupcións, para ser efectiva e non cura a infección.[2]

Existen diversos métodos para a prevención da transmisión de VIH, entre eles o uso de preservativos e campos de látex de forma correcta e consistente, e esquemas antirretrovirais (profilaxe preexposición e profilaxe post-exposición). A introdución de medidas de sexo seguro para deter a transmisión do VIH resultou difícil nos países máis afectados.[3]

O enfoque clásico dos esquemas de vacinación, que se basea na adaptabilidade inmunolóxica de recoñecer as proteínas da envoltura dos virus, aínda que é exitoso na prevención doutras enfermidades infecciosas demostrou ser ineficaz contra o VIH.[4]

Diversos factores fan que o desenvolvemento dunha vacina contra o VIH sexa diferente ó das vacinas clásicas:[5]

  • Os epítopos da envoltura viral do VIH son máis variables que os da envoltura viral doutros virus. Ademais, a funcionalidade dos epítopos da proteína de envoltura gp120 están enmascarados por glicosilación e cambios conformacionais.
  • O VIH é un virus altamente mutable: debido á grande habilidade do virus de responder ás accións do sistema inmune, a carga viral nunha persoa infectada tipicamente evoluciona de maneira tal que pode evadir dous dos maiores mecanismos do sistema inmunitario adquirido: a inmunidade humoral (mediado por anticorpos) e a inmunidade celular (mediado por células T).
  • A taxa de variabilidade do VIH é alta debido á alta taxa de erro da transcriptasa inversa e a outros mecanismos como a recombinación xenética, que orixina novos subtipos e virus "mosaico" entre distintos subtipos. Por tanto as respostas inmunes xeradas por unha vacina deben ser o suficientemente amplas como para ter en conta esta variabilidade a fin de ser efectiva.[6]

As dificultades para estimular unha resposta de anticorpos confiable conduciron ós intentos de desenvolver unha vacina terapéutica que estimule unha resposta dos linfocitos T.[7]

Outra resposta ó desafío foi crear un único péptido que conteña os compoñentes menos variables de todas as cepas de VIH coñecidas.[6]

Estudos clínicos

Fase 1

Vacinas preventivas

En 2011, investigadores do Centro Nacional de Biotecnoloxía CNB-CSIC en Madrid publicaron os resultados do estudo clínico de fase 1 da vacina MVA-B. No 92% dos voluntarios a vacina induciu unha resposta inmune CD4 e CD8+ específicas fronte ao VIH.[8]

En 2016, publicáronse os resultados do estudo Fase 1 da primeira vacina que utiliza unha versión desactivada do VIH-1, SAV001, desenvolvida polo Dr. Chil-Yong Kang e o seu equipo de investigación na Universidade de Oeste do Schulich School of Medicine & Dentistry do Canadá. O estudo, conducido no Canadá en 2012, demostrou un bo perfil de seguridade e induciu a produción de anticorpos para VIH-1 nos participantes.[9]

Fase 2

Vacinas preventivas

En 2016 iniciáronse os primeiros estudos fase 2b de vacinas con anticorpos monoclonais para a prevención da infección por VIH. Os estudos HVTN 703 e HVTN 704 avalían VRC01, un anticorpo monoclonal que se centra no sitio de unión para CD4.[10]

En 2017, Janssen e HVTN lanzaron o estudo clínico fase 2b chamado HVTN705/Imbokodo, que avalía un réxime de vacinación baseado en antíxenos mosaico (Ad26.Mos4.HIV e gp140 de Clado C adxuvado por fosfato de aluminio) en mulleres sen infección por VIH en Suráfrica, Malaui, Mozambique, Zambia e Cimbabue entre os 18 e os 35 anos. Espéranse os resultados do estudo para 2022.[11]

Vacinas terapéuticas

Biosantech desenvolveu unha vacina terapéutica chamada Tat Oyi, que se dirixe á proteína tat do VIH. Probouse en Francia nun ensaio dobre cego de Fase I / II con 48 pacientes VIH positivos que alcanzaran a supresión viral na terapia antirretroviral altamente activa e logo suspenderon os antirretrovirais despois de recibir a vacina intradérmica Tat Oyi.[12]

Fase 3

Vacinas preventivas

En 2009 finalizou o estudo de eficacia RV144 en Tailandia. O réxime de vacinación consistiu nunha primeira vacina co virus vector Canarypox que conta con tres xenes sintéticos do VIH, seguido por inoculacións de reforzo con dúas proteínas de envoltura recombinantes de VIH, clado B e clado E. Participaron máis de 16000 participantes e o estudo foi deseñado para avaliar a habilidade da combinación de vacinas para previr a infección con VIH, así como tamén para reducir o nivel de RNA de VIH en sangue dos participantes que adquiriron VIH. O réxime demostrou unha eficacia do 30% na prevención da infección con VIH.[13]

En 2016, lanzouse en Suráfrica o ensaio de fase IIb-III HVTN702/Uhambo. HVTN702 está a probar vacinas similares ás usadas en RV144 pero adaptadas para o subtipo de VIH común na rexión onde ocorren a maioría das novas infeccións de VIH, a África subsahariana. O estudo avalía se o réxime é eficaz para previr a infección por VIH en adultos. Espéranse os resultados do estudo para fins do ano 2020.[14]

Notas

  1. "HVTN's large-scale HIV vaccine efficacy trials fully enrolled". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2019. Consultado o 2019-06-29. 
  2. "OMS | Directrices unificadas sobre el uso de medicamentos antirretrovíricos para el tratamiento y la prevención de la infección por el VIH". Consultado o 2019-06-29. 
  3. "2016 Prevention gap report" (PDF). 
  4. "Capítulo 25: Desarrollo de la respuesta del sistema inmunitario". 
  5. "Revista Enfermedades Infecciosas y Microbiología Clínica. "Situación actual en el desarrollo de una vacuna preventiva frente al VIH"". 
  6. 6,0 6,1 "Design and Pre-Clinical Evaluation of a Universal HIV-1 Vaccine". 
  7. "Perspectivas de curación: DermaVir, una vacuna de ADN con efecto terapéutico contra el VIH/sida y desarrollada racionalmente" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de decembro de 2022. Consultado o 04 de xullo de 2019. 
  8. "La vacuna española MVA-B contra el VIH logra una respuesta inmune del 90%". Consultado o 2019-06-29. 
  9. "First Phase I human clinical trial of a killed whole-HIV-1 vaccine: demonstration of its safety and enhancement of anti-HIV antibody responses". 
  10. "Modeling cumulative overall prevention efficacy for the VRC01 phase 2b efficacy trials". 
  11. "HVTN 705/HPX2008: The Imbokodo Study". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2019. Consultado o 2019-06-29. 
  12. "Intradermal injection of a Tat Oyi-based therapeutic HIV vaccine reduces of 1.5 log copies/mL the HIV RNA rebound median and no HIV DNA rebound following cART interruption in a phase I/II randomized controlled clinical trial". 
  13. "Phase III HIV Vaccine Trial: A Step Toward a Protective Vaccine for HIV". Consultado o 2019-06-29. 
  14. "First New HIV Vaccine Efficacy Study in Seven Years Has Begun | NIH: National Institute of Allergy and Infectious Diseases". Consultado o 2019-06-29. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas