A Vía Ártabra é un corredor para vehículos no Arco Ártabro dependente da Xunta de Galicia, concibido para canalizar cara á AP-9 o crecente tráfico xerado polas zonas rururbanas e barrios dormitorio de Oleiros, Sada e norte de Cambre, así como para desconxestionar a N-VI e as estradas das redes primaria complementaria, secundaria e provincial que integran a trama viaria deses concellos.
Consta dun tronco central, conformado pola AG-13 (parcialmente en servizo), a partir do cal xorden ramificacións para dotar de accesos e/ou circunvalar asentamentos de poboación e comerciais-industriais que conforman a área metropolitana da cidade da Coruña. As dúas principais ramificacións son a VG-1.3, xa en servizo e que da continuidade á AG-13 cara ao norte, e a vía de acceso e variante de Sada, pendente dos estudos informativos e de impacto ambiental desde febreiro de 2015[1] mais sobre o que xa se leva a traballar desde 2012[2].
Canda estas novas vías de alta capacidade, e como parte integrante do corredor, foron construídas dúas novas estradas pertencentes á rede primaria básica: a AC-526 (Acceso ao porto de Lorbé, considerado como o "treito III" da Vía Ártabra[3]) e a AC-527 (Variante de Oleiros). Asemade, fixéronse conexións coas estradas AC-163, DP-5815, AC-183DP-7508, DP-5812, DP-1707, DP-5813 e N-VI, onde remata a AG-13 en espera da súa prolongación cara a AP-9.
Adicionalmente, os concellos da zona veñen reclamando desde hai anos que o proxecto se estenda até a A-6 para dotar de maior utilidade esta infraestrutura. O feito é que nos seus primeiros anos de posta en funcionamento, a Vía Ártabra vén amosando uns índices de tráfico por debaixo do agardado.[4][5] Se ben o proxecto inicial si tiña prevista esta conexión[6][7][8], en 2010 a Xunta de Galicia tomou a decisión de suprimir a continuación deste corredor de alta capacidade até a A-6, inicialmente prevista, por motivos económicos.[9] Porén en 2017, desde a Axencia Galega de Infraestruturas, volvían deixar aberta a posibilidade dunha futura conexión coa autovía do Noroeste.[10]