O equipo constituíuse en 2014 co obxectivo de participar na Fórmula Student, promovida pola Society of Automotive Engineers (SAE) e destinada á participación das universidades e dos estudantes de enxeñaría, na que se esixe aos competidores non só a condución dos vehículos, senón o seu deseño e a súa construción baixo uns parámetros determinados.[2]
Tempada 2014-2015
Coa súa primeira formación, o equipo deseñou o seu primeiro monopraza, denominado UM15, co que representou a Universidade de Vigo nas carreiras celebradas en Silverstone (Reino Unido), Hockenheim (Alemaña) e Montmeló (España). Malia non acadar ningún triunfo como equipo, un dos seus membros foi galardoado co premio Craig Dawson ao participante máis valioso da competición.[3][4][5]
Tempada 2015-2016
Na súa segunda tempada na competición, participou cun bólido renovado, o UM16, nas carreiras da Fórmula Student da República Checa e de España.[6] Nesta tempada, o equipo buscou ademais o seu asentamento coa implicación de diversos centros da Universidade de Vigo e a captación de patrocinadores que colaboren á súa sostibilidade (Concello de Vigo, Consorcio da Zona Franca de Vigo e máis de medio cento de empresas)[7].
Tempada 2016-2017
Cun monopraza novo, o UM17, que recolle a experiencia adquirida nas competicións anteriores, o equipo participa nas carreiras de Montmeló e de Hockenheim.[8][9]
Vehículos
Nas súas tres primeiras tempadas, o equipo utilizou, sucesivamente, os tres vehículos seguintes:[10]
UM15
Utilizado na súa primeira tempada, tiña un motor Aprillia SXV 550 bicilíndrico en V e 70 cv, cun chasis tubular de aceiro ao cromomolibdeno e unha central Performance Electronics PE3. A súa carrozaría era de fibra de vidro, cun revestimento de fibra de carbono. A suspensión era de tipo Pull e contaba cunhas pinas de magnesio de 13 polgadas. O seu peso era de 211 quilogramos.
UM16
Con el competiron na tempada 2016-2017. O motor foi substituído por un Aprillia SXV 450 bicilíndrico en V de 60 cv. O chais pasou a ser monocasco de fibra de carbono con núcleo de madeira. A súa central electrónica, a suspensión e as pinas mantivéronse, e engadíronse compoñentes aerodinámicos, como un difusor e uns aleróns dianteiro e traseiro. O seu peso reduciuse a 203 quiligramos.
UM17
Presentado a finais de xullo de 2017, conta cun novo motor Kawasaki 650 ER-6F bicilíndrico en liña de 72 cv. O chasis combina o monocasco cun subchasis de aceiro tubular. Engadiuse o sistema DRS e mellorouse a súa aerodinámica. Outra novidade é que incorpora un sistema de telemetría, que transmite datos en tempo real a un panel externo.
↑"Uvigo Motorsport busca inspiración en Silverston. Enxeñeiros da Universidade de Vigo viaxan esta fin de semana a Silverston coa intención de presenciar a competición de 2014 na que participan 3.000 estudantes de enxeñaría de diferentes universidades de 38 países. O obxectivo é mellorar o seu proxecto de cara á Fórmula Student de 2015". En La Voz de Galicia. 10 de Xullo de 2014.