Trade-off

O deseño do Módulo lunar Apollo involucrou un tradeoff no número de pés de aterraxe. Tres pés reducían o peso do vehículo, pero considerouse pouco seguro. Cinco pés considerábase que era o máis seguro, pero facía moi pesado ó vehículo. Os deseñadores tiveron que facer un compromiso entre seguridade e peso dándolle catro pés.

O trade-off (ou tradeoff) tamén chamado compromiso ou incompatibilidade de obxectivos[1] é un concepto económico que se refire aos dilemas existentes á hora de elixir entre situacións aparentemente antagonistas. Utilízase para ilustrar como a solución para un problema concreto adoita acarrexar, inevitabelmente, un empeoramento doutro. Tamén se refire, en xeral, á idea de que a consecución dun obxectivo implica a renuncia doutro.

Concepto

Cando nos topamos ante un problema, é habitual que as posíbeis solucións non sexan completamente satisfactorias. Rara é a vez que a solución elixida non acarrexa consecuencias non desexadas, aínda que non por iso imprevistas. En moitas ocasións, pola contra a mellora do aspecto analisado implica unha afección no sentido inverso noutros.

Diferénciase lixeiramente outra acepción, a de que unha elección comporta, necesariamente, a renuncia a outras cousas. Este concepto de trade-off deriva, principalmente, da escaseza: nun mundo finito, con recursos e capacidades finitas, obtelo todo é imposíbel.

Non ten porqué ser, con todo, un problema definitivo ou irresoluble. En ocasións as renuncias poden ser temporais e ser solucionadas no futuro ou, en casos, a renuncia nun momento pode provocar un beneficio no futuro no mesmo aspecto.

Exemplo

Un exemplo habitual de trade-off dáse ao falarmos do binomio inflación/desemprego. Cando as políticas económicas públicas se dirixen principalmente á consecución de maiores niveis de emprego asúmese que, ao medio prazo, provocará un certo requentamento da economía e un maior grao de inflación.

Pódese aplicar, por exemplo, ás decisións de empresas: ao final de ano, unha empresa debe elixir se dedicar os beneficios a reservas ou a distribuír entre os accionistas. É evidente que unha elección afecta á outra. Máis pode resultar que un aumento das reservas nun momento dado mellore o beneficio a longo prazo, co cal o trade-off tivo, posteriormente, aspectos positivos.

Moito máis claro, e próximo, é o seguinte exemplo: contando cunha cantidade limitada de diñeiro no peto, o habitual é que non poidamos mercar todo o que desexamos, e nos teñamos que obrigar a mercar unha cousa, ou outra.

Outros usos

Ademais do seu uso na economía, o concepto de trade-off é fundamental en moitas outras disciplinas para entender as decisións e os balances que se deben facer fronte a recursos limitados ou obxectivos en competencia.

Na bioloxía, especialmente na teoría evolutiva, os trade-offs refírense aos compromisos entre trazos ou estratexias que benefician un aspecto da supervivencia ou reprodución a costa doutro. Por exemplo, na teoría da pleiotropía antagónica, algúns xenes poden ter efectos beneficiosos na xuventude pero efectos prexudiciais na vellez, reflectindo un trade-off entre fertilidade temperá e lonxevidade.

Na medicina, os trade-offs son importantes ao considerar os efectos secundarios dos tratamentos fronte aos seus beneficios. Un medicamento pode mellorar significativamente unha condición médica mentres presenta o risco de efectos adversos noutras áreas, obrigando a médicos e pacientes a ponderar os pros e contras no seu uso.

Na psicoloxía, os trade-offs poden ser estudados en relación coa toma de decisións, onde as persoas teñen que elixir entre varias opcións que presentan diferentes vantaxes e desvantaxes.

Notas

  1. "compromiso/ incompatibilidade de obxectivos/ trade-off". aplicacions.usc.es; bUSCatermos. Consultado o 2024-04-03. 

Véxase tamén