O conxunto, formado exclusivamente de diñeiros de prata, foi adquirido na súa totalidade por Gustave de Ponton d'Amécourt, e o seu estudo permitiu avanzar no el coñecemento das cuñaxes deste período.
Descuberta
Durante unhas escavacións para instalar tubaxes dun desaugadoiro, preto de Imphy, unha pequena localidade na beira dereita do Loira, coñecido pola súa industriametalúrxica, os obreiros descubriron a un metro de profundidade unha vasilla de cerámica que contiña un centenar de moedas. O achado foi comunicado debidamente ás autoridades e as moedas puideron ser estudadas inicialmente por Adrien Prévost de Longpérier,[2] antes de que o lote fose adquirido por Gustave de Ponton d'Amécourt, fundador da Sociedade Francesa de Numismática.[3][4][5]
No momento da súa descuberta, o tesouro estaba formado por 63 diñeiros cuñados a nome de Pipino o Breve, catro de Carlomán I e 32 de Carlomagno, todos eles en moi bo estado de conservación, así como outra moeda indescifrable.[5][8] Estas pequenas moedas de prata teñen un diámetro de 18 milímetros e un peso de entre 1,2 e 1,3 gramos.[9][10]
O interese do achado reside na variedade de deseños e a diversidade de cecas, xa que había 44 tipos principais, dos que 30 estaban representados por un único espécime. Ademais, cunha soa excepción, todas as moedas estaban fabricadas con cuños diferentes.[5]
Na época en que se descubriu, moitas das moedas e das cecas onde foran cuñadas eran totalmente descoñecidas, e o seu estudo permitiu importantes avances no coñecemento das emisións carolinxias, asunto sobre o que se coñecía moi pouco naqueles momentos.[8]
Duplessy, J. (1985). Les trésors médiévaux et modernes découverts en France. Tome I, 751-1223. Bibliothèque Nationale de France, París. ISBN 9782717717181