A colección inclúe volumes que describen a toponimia dos concellos de Galicia: os nomes de cada municipio e mais as súas parroquias e lugares, así como algúns accidentes xeográficos ou outros espazos. As publicacións coedítanse entre a RAG (a través do Seminario de Onomástica, da Sección de Lingua) e a Asociación Galega de Onomástica.
Con esta colección, a Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica pretenden recompilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia, dun xeito divulgativo e ameno para axudar a coñecérmonos algo máis como galegos. Saber cal é a motivación e o significado dos nomes dos sitios onde vivimos e de onde vimos, onde naceron os nosos devanceiros e que acollerán os nosos fillos, faranos máis conscientes da relación co noso pasado, de como se conformou a nosa sociedade, de como é a natureza en que habitamos, a súa fauna e as plantas. Significará identificármonos mellor como sociedade e como pobo.[1]