O Templo do Pobo,[Cómpre referencia] foi unha organización relixiosa fundada nos Estados Unidos no ano 1955 polo reverendo James Warren Jones (Jim Jones), baixo a denominación de Igrexa Cristiana de Pentecostal, pero que en cuestión de anos cambiou as súas crenzas relixiosas para chegar a soster unha mestura de comunismo e cristianismo, cunha doutrina ecléctica que integraba a oposición ao racismo, a deificación do seu líder, a organización dunha comunidade marxista autárquica e a efectiva prohibición da apostasía dentro de dito culto.
O Templo do Pobo estaba afiliado coa denominación protestante Discípulos de Cristo á cal se uniu Jim Jones en 1952, até que fundou a súa propia comunidade relixiosa no ano 1955, usando a denominación de Templo do Pobo na cidade de Indianápolis, Illinois, nos Estados Unidos onde Jones patrocinaba programas de beneficiencia en favor de pobres e xente sen fogar, ademais de abrir a súa congregación á poboación negra da cidade, rexeitando así a segregación racial imperante entón no país. Cara a 1959 o Templo do Pobo comezou a requirirlle ós seus adherentes que intensificasen os seus vínculos deixando así de lado as relacións cos seus familiares alleos a congregación, prohibindo que as festividades relixiosas fosen celebradas con persoas alleas a congregación. Mentres tanto as ideas comunistas de Jones pasaron a ser o fundamento da orde relixiosa, aínda que os líderes do Templo do Pobo (incluído o propio Jim Jones) loitaron por evitar que a doutrina marxista da súa congregación fose demasiado visible para os seus fieis.
En 1963, o Templo do Pobo comezou a aceptar oficialmente a idea de crear unha comunidade agraria autosuficiente e illada do resto da sociedade, baseada no comunismo e convocando todos os seus crentes a unirse a este esforzo e saír da zona de Indianápolis. O punto elixido por Jim Jones para a nova sede da organización relixiosa foi a localidade de Ukiah en California, en 1965, cando xa a metade da congregación estaba formada por xente de raza negra. A partir desta data, rotas as relacions amigables e familiares dos fregueses, Jim Jones manifestou a ruptura coa Biblia cristiá e denunciou os Estados Unidos e o capitalismo coma o anticristo, proclamando que tan só o comunismo era a doutrina que aseguraba a salvación dos seguidores do Templo do Pobo.