Con 14 anos emigrou a Frankfurt, onde traballou 3 anos no sector da siderurxia. En 1978 fundou a empresa Hierros Santa Cruz, da que hoxe é o seu único propietario. En 1990 creou a empresa Construcuatro, adicada á promoción e construción. Na actualidade é conselleiro delegado da empresa, posuíndo o 33% das accións.
En outubro de 2007 a Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia abriulle un expediente sancionador a dita empresa, ó haber "indicios abondo"[1] de cobrar sobreprezos en vivendas protexidas.
Política
Afiliouse a Alianza Popular en 1977. En 1987 concorreu ás eleccións municipais en Meaño encabezando a formación Parroquias Unidas de Meaño (PUM), formada por un grupo de veciños, logrando 3 concelleiros e sendo o principal grupo da oposición ó goberno de Germán Rodriño, que precisamente era alcalde por AP. En 1995 formaría parte como suplente da candidatura de Independentes de Meaño, encabezada polo entón alcalde e amigo seu Jorge Domínguez Rosal.
En maio de 1997 foi elixido presidente do Partido Popular de Sanxenxo. Nas eleccións municipais de 1999 encabezou a candidatura e foi elixido alcalde dese concello con maioría absoluta. Catro anos despois, en maio de 2003, revalidou a maioría absoluta, converténdose no primeiro alcalde de Sanxenxo que foi reelixido dende 1987.
En xullo de 2006 foi nomeado candidato do PPdeG á alcaldía de Pontevedra, polo que en decembro dese ano renunciou ao seu cargo de alcalde de Sanxenxo. O 27 de maio de 2007 gañou as eleccións municipais de Pontevedra co 44,2% dos votos, conseguindo 12 concelleiros, pero sen acadar a maioría suficiente para conseguir gobernar. Formouse un goberno do BNG, que obtivo 7 concelleiros e o 28% dos votos, e o PSdeG-PSOE, que logrou 6 edís. O 22 de maio de 2011 repetiu como candidato á alcaldía de Pontevedra. A súa candidatura foi a máis votada co 39,52% dos votos e 11 concelleiros. Outro pacto entre BNG e PSdeG-PSOE deixouno fóra do goberno municipal. Tras esta nova tentativa na que non conseguiu a alcaldía, Telmo Martín anunciou que non sería candidato ás eleccións municipais de 2015, e que continuaría á fronte do PP de Pontevedra, ata que o partido lle permitise pór en marcha a súa sucesión.
Meses despois foi designado polo Partido Popular como número 4 das listas ao Congreso dos Deputados, e saíu elixido na provincia de Pontevedra. No seu momento foi o deputado co patrimonio máis extenso das cortes, con 21,5 millóns de euros.[2] Meses máis tarde, en marzo de 2012, deixou o seu posto no concello de Pontevedra, onde foi substituído por Jacobo Moreira[3].
Regresou á política municipal de Sanxenxo en 2015 como candidato do PPdeG, logrando a vitoria con 8 concelleiros, mais non puido gobernar debido ao acordo dos demais grupos políticos que fixo alcalde ao candidato de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) Gonzalo Pita. En maio de 2017, tras romper o alcalde o pacto de goberno coa esquerda, alcanzou un acordo con este que supuxo a renuncia de Pita a alcaldía e que el puidese recuperala de novo[4], pasando Pita a ser primeiro tenente de alcalde. En 2019 e 2023 sería novamente reelixido alcalde, logrando a maioría absoluta con 10 concelleiros.
Sanción por invadir o dominio público na praia de Silgar
A comezos de 2005 a raíz dunha denuncia do colectivo Salvemos Pontevedra comezou un proceso de sanción pola construción dun edificio de luxo en primeira liña de praia nun espazo que tiña que ser reservado o espazo público. A proposta de sanción consistía nunha multa de 3 millóns de euros. No 2011 o goberno da Xunta, presidido polo popular Alberto Núñez Feijóo, decidiu arquivar a sanción sen que figurase na referencia cos asuntos tratados que o Goberno galego lles achega aos medios.[5][6]
Sentenza por cobro de sobreprezos en Navia
En xuño de 2018 condenan en firme á inmobiliaria Construcuatro, da que Telmo Martín era socio no momento dos feitos, por cobrar sobreprezos a compradores de vivendas de protección autonómica. A Xunta impuxo á construtora unha multa de 2,5 millóns de euros e esixiu a devolución doutros 1,2 millóns de euros aos compradores prexudicados. Máis de 30 afectados denunciaron á inmobiliaria por obrigarlles a pagar un sobreprezo por pisos de protección pública, as cantidades oscilaban entre os 9.000 e os 31.000 dependendo da vivenda.[7][8]