A mortalidade é un termo demográfico que designa un número proporcional de mortes nunha poboación e tempo determinado.
Así, defínese a taxa bruta de mortalidade coma o indicador demográfico que sinala o número de defuncións dunha poboación por cada mil habitantes, durante un período de tempo determinado, xeralmente un ano.
Taxa bruta de mortalidade = (Defuncións/Poboación) x 1000
Considérase:
Alta taxa de mortalidade se supera o 30.
Moderada taxa de mortalidade entre 15 e 30.
Baixa taxa de mortalidade por baixo do 15.
Xeralmente nos países menos desenvolvidos a taxa de mortalidade e natalidade é máis alta, mentres que nos máis desenvolvidos a taxa de mortalidade e natalidade é máis baixa.
A taxa de mortalidade está inversamente relacionada coa esperanza de vida ó nacer, de tal xeito que canta máis esperanza de vida teña un individuo no seu nacemento, menos taxa de mortalidade ten a poboación.
Do mesmo xeito que hai taxas brutas de mortalidade hai taxas específicas de mortalidade, que son as taxas específicas para cada idade.
Mortalidade en España
En España no ano 2004 a taxa de mortalidade se situaba no 8,71, e a taxa de mortalidade infantil no 3,99, fonte INE, Instituto Nacional de Estadística. Indicadores demográficos básicos: [1].
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente desde a última vez que se editou, que foi en maio de 2019.
As principais causas de mortalidade en España para o ano 2001 foron
Fonte: CNE, Centro Nacional de Epidemioloxía. [2][Ligazón morta]:
Para homes, os principais grupos de causas de mortalidade foron os tumores (orixe do 32,50% do total das defuncións), enfermidades do sistema circulatorio (29,63%), enfermidades do sistema respiratorio (11,85%), causas externas (5,91%) e enfermidades do sistema dixestivo (5,34%).
Para mulleres, as causas concretas de mortalidade que provocaron un maior número de defuncións foron as enfermidades cerebro-vasculares (12,68%), a isquemia cardíaca (9,70%), a insuficiencia cardíaca (7,36%) e outras enfermidades do corazón (5,05%).