O xénero Taurotragus, no que se inclúen o elán común (T. oryx) e o grande elán, T. derbianus, modernamente está en discusión. De acordo con numerosos e recentes estudos xenéticos, moleculares e cromosómicos (por exemplo, Fernández & Vrba,[4] ou Rubes et al.,[5]) cada vez máis autoridades subsumen o xénero Taurotragus como subxénero dentro do xénero Tragelaphus.[3][6][7][8]
Os Taurotragus son os máis grandes dos antílopes do mundo. Algúns autores, como Theodor Halternorth, consideran a Taurotragus derbianus conespecífica con T. oryx (ademais de considerar esta especie como pertencente ao xénero Tragelaphus).[9]
Ambos os sexos son recoñecíbeis polos seus cornos en espiral, pero os dos machos son máis grandes. Poden medir até 1,80 m de altura na cruz e pesar até unha tonelada. No pescozo teñen unha papada, particularmente grande nos machos. A capa é gris amarelada con finas raias verticais brancas nos flancos.[10]
A pesar do seu nome, os eláns xigantes son en realidade xeralmente máis pequenos que os eláns comúns, pero os seus cornos son substancialmente máis grandes (así como as orellas). Outra diferenza é que a ostensíbel papada do elán xigante comeza debaixo da barbela (en lugar de na gorxa, como no elán común) e termina na metade do pescozo.[2]
A poboación total é probabelmente de ao redor de 15.000 a 20.000 individuos. Só 200 exemplares de T. d. derbianus, ou menos, subsisten en África Occidental, principalmente no Senegal.[7] A caza eliminou esta especie de gran parte da súa antiga área de dispersión e, ademais, unha epidemia de peste bovina en 1983 afectou seriamante á súa poboación.[2] Esta enfermidade foi considerada erradicada pola Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) o 25 de maio de 2011.[11][12]
Estado de conservación
Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), a poboación total estímase, como quedou dito, en de 15.000 a 20.000 cabezas, e probabelmente é estábel en grandes zonas da súa área de distribución na República Centroafricana e o Camerún, onde as densidades de poboación humana son baixas, aínda que probabelmente estea diminuíndo gradualmente en toda a zona.[7]
O elán xigante é un dos máis buscados trofeos de antílope e a súa caza sustetábel está tendo un efecto positivo sobre a conservación das súas poboacións en moitas zonas.[7]
Segundo East,[13] estímase que hai probabelmente máis de 15.000 individuos de T. d. gigas, deles máis de 12.500 na República Centroafricana. A poboación desta subespecie aumentou en dita República, o Camerún e o Chad desde a década de 1990. O número de individuos que sobreviven no Sudán do Sur descoñecese, pero poderían ser substancial. Porén, a tendencia da poboación, en xeral a longo prazo, probabelmente irá diminíndo de forma gradual.[7]
A pesar diso, a UICN mantén a cualificación para esta especie como LC (pouco preocupante).[7]
↑Rubes, J; Kubickova, S; Pagacova, E; Cernohorska, H; Di Berardino, D; Antoninova, M; Vahala, J; Robinson, T. J. (2008): "Phylogenomic study of spiral-horned antelope by cross-species chromosome painting". Chromosome Research: an International Journal on the Molecular, Supramolecular and Evolutionary Aspects of Chromosome Biology16 (7): 935–947 Resumo, Resumo.
Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
Nowak, R. (1991): Walker's Mammals of the World.Vol. 2. Baltimore, Maryland. EE. UU.: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8
Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World - A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, EE.UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.