Talía Teatro é unha compañía creada en 1988. Nas súas orixes era un grupo de teatro afeccionado que estaba vinculado á Asociación Cultural Domingo Antonio de Andrade, entidade organizadora da Mostra de Teatro de Cee. Nesta etapa, chegou a montar varios espectáculos entre os que destacan O rei aborrecido, de X. Pisón; e Ai, Carmela e Marsal Marsal, de J. Sanchis Sinisterra. Debido ás boas críticas e aos premios recibidos, convertéronse nunha compañía profesional en 1996.
Caracterízase por ser un grupo teatral estábel que utiliza a lingua galega na representación das obras. Alén diso, o seu repertorio conta con pezas dirixidas a diferentes tipos de público.
A súa actividade principal é a produción e exhibición de espectáculos, que os levaron a crear unha infraestrutura propia. Ademais, realizan outras actividades relacionadas co sector (creación de espectáculos temáticos, organización de obradoiros, etc.).
Compoñentes
Artur Trillo é autor, director e actor. Leva desde 1988 como director da compañía Talía Teatro. Alén diso, ten realizado montaxes con outras compañías. Como actor foi premiado en numerosas ocasións, destacando a súa interpretación nos espectáculos de Talía Teatro Esperando a Godot, E ti, quen ves sendo?, Bicos con lingua e O Encoro, de Teatro do Atlántico.
Áurea Ferreiro, vinculada a Talía Teatro desde o ano 2008, leva a área de produción da compañía. Conta tamén con experiencia en xestión de espazos de exhibición teatral.
Daniel Trillo, empezou a súa andadura teatral con Talía Teatro no 2003 co espectáculo Eu así non xogo. Desde entón participou en doce montaxes da compañía e ocupouse de diferentes facetas creativas como a iluminación e a escenografía. A súa vez, exerceu de xefe técnico da compañía. Ademais de amosar interese polos elementos que compoñen un espectáculo, tamén actuou nalgunhas representacións. Realizou numerosos traballos de deseño de iluminación e escenografía e no ano 2016 recibiu o premio María Casares ao mellor deseño de escenografía do espectáculo Foucellas.
Martina Cambeiro, forma parte do equipo estábel de Talía Teatro desde a súa creación e realizou o deseño de vestiario e maquillaxe de case todas as súas producións, recibindo numerosos nomeamentos. Ademais opera como técnica de iluminación e son en diferentes espectáculos.
Toño Casais, leva desde 1993 vinculado a Talía, aínda que tamén ten realizado montaxes con outras compañías como Teatro do Atlántico ou o Centro Dramático Galego. Ten recibido diversos recoñecementos pola súa interpretación como protagonista nos espectáculos Palabras encadeadas e Esperando a Godot e como actor secundario no espectáculo O Encoro, de Teatro do Atlántico.
María Ordóñez, comezou a súa andadura teatral con Talía Teatro co espectáculo Eu así non xogo, no 2003. Desde entón, participou en nove montaxes da compañía. Cabe salientar a súa interpretación en Palabras encadeadas, O método Grönholm e Pelos na lingua. Por esta última, ten recibido diversos premios como actriz protagonista.
Marta Lado, é licenciada en Arte Dramático pola ESAD. Conta cunha importante bagaxe tanto a nivel teatral como audiovisual. Entre os seus traballos destaca a súa interpretación en Tartufo, do Centro Dramático Galego.
Diego Rey, forma parte da compañía desde o 2006 e desenvolve tarefas de actor, técnico, autor e director. A partir do 2010 comeza a orientar a súa carreira á dirección, simultaneando traballos para Talía e outras compañías, mais sen deixar a súa labor interpretativa.
Marta Ríos, leva vinculada a Talía Teatro desde o 2003, ano no que debutou co espectáculo Eu así non xogo. Desde entón, realizou once montaxes coa compañía. Cómpre destacar a súa interpretación en Volpone, pola que recibiu o premio Maria Casares á mellor actriz secundaria.
Xurxo Barcala, debutou con Talía no 2000 co espectáculo infantil Menos Lobos. A partir de aí seguiron traballos como Supermáis, Eu así non xogo e E ti, quen vés sendo?. Despois duns anos dedicado a labores pedagóxicos, volve á compañía formando parte do elenco de Os mortos daquel verán e O servidor de dous amos.
Tendo en conta o público albo, podemos afirmar, segundo esta táboa, que o 50% das obras son para adultos, o 22.5% para adultos e adolescentes e o 27.5% restante están dirixidas ao sector infantil.
Por outra banda, as obras de autoría galega son maioritarias (41%), seguidas das de autoría española que se corresponden co 27%. As adaptacións de pezas estranxeiras conforman o 22% da totalidade e, para rematar, aquelas realizadas por varios autores representan o 10% restante. Ademais, só o 7.5% das obras son de autoría feminina, fronte o 92.5% que son de autores varóns.
Premios
2004 Mellor actor protagonista. María Casares: Artur Trillo por Bicos con lingua
2004 Mellor texto orixinal. María Casares: Bicos con lingua
2007 Mellor actor. Premio FETEGA: Toño Casais por Esperando a Godot
2008 Mellor actor secundario. María Casares: Artur Trillo por E ti, quen vés sendo?
2010 Mellor dirección. María Casares: Artur Trillo por Palabras encadeadas
2010 Mellor actor protagonista. María Casares: Toño Casais por Palabras encadeadas
2011 Mellor actriz. Premio FETEGA: María Ordóñez por Pelos na lingua
F. Vieites, Manuel. Crónica do Teatro Galego. Universidade de Vigo, 2003
F. Vieites, Manuel. Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. No aniversario da estrea de A fonte do xuramento (1882-2007). Editorial Galaxia, 2007
Enciclopedia Universal Galega. Tomo XV. Ediciones Ir Indo, 2002
Revista Paraíso. N.º 3. Xaneiro 2008. Xunta de Galicia