Sunan Ibn Majah é a sexta recolleita de hadith, que en conxunto reciben o nome de Kutub al-Sittah ("Os seis libros") e que constitúen o canon na tradición sunnita. Recompilouna en lingua árabe o estudoso persa[1] Ibn Majah na segunda metade do século IX.
Descrición
A edición de Muhammad Fuad Abdul Baqi, publicada en 1952-1953, considérase o texto estándar, e consta de 37 libros (kutub), 1513 capítulos e 4341 [2] hadith de varios niveis. Non obstante, outras edicións difiren e así a de Muhammad Mustafa Azmi de 1983 consta de 32 libros, 1515 capítulos e 4397 hadith.
Dos hadith incluídos na obra, 3 002 aparecen nalgunha das outras cinco obras do canon e 1 339 non aparecen en ningunha outra[3]. Segundo Baqi deses hadith adicionais, 428 son sahih (auténticos), 199 son hasan (bos), 613 son da'if (febles) e os restantes 99 son munkar (denunciados) e mawdu (fabricados).
A obra permaneceu practicamente descoñecida fóra da rexión natal do autor, a contorna de Qazvin que se localiza no noroeste do actual Irán, ata finais do século XI [4] ao incluíla Muḥammad ibn Ṭāhir al-Maqdisī no seu Shurūṭ al-aʾimma al-sitta, os seis mestres de hadith, a primeira proposta canónica que estableceu os seis libros de hadith[5]. Así e todo, a obra foi controvertida entre os teólogos sunnitas e estudosos como Al-Nawawi ou Ibn Khaldún excluírona do canon e mesmo outros substituírona polo Muwatta de Imam Malik ou o Sunan al-Darimi. A súa presenza no canon, malia o gran número de hadith dubidosos, explícase pola procura non só da autenticidade senón tamén da utilidade, a canonización procuraba delimitar os hadith a un número razoable pois eran innúmeros os que circulaban no mundo islámico na época; e o traballo de Ibn Majah incluía moitos hadith útiles que non se atopaban nas outras cinco obras[6].
Notas