A sopa de miso (味噌汁, misoshiru) é unha sopa xaponesa cuxo principal ingrediente é o miso, que ao tempo dálle o seu nome. É un dos pratos principais da gastronomía xaponesa.
Ingredientes e elaboración
A sopa de miso está composta por dous ingredientes esenciais: o dashi (caldo de peixe) que é a base da sopa e o miso (masa aromatizada de soia) que se disolve no dashi. Adóitanse usar dous tipos distintos de miso, o Shiro-Miso (branco, suave e con pouco sal) ou o Aka-Miso (vermello, forte e salgado).
Os ingredientes máis habituais nesta sopa son o Tōfu en forma de cubiños, as algas wakame e a ceboliña ou porro. Pode levar outros ingredientes coma verduras (patacas, cenoria, daikon, repolo etc), carnes, peixes ou cogomelos.
Costumes
Esta sopa é un acompañamento básico da gastronomía xaponesa que se serve en almorzos, xantares e ceas. Nunca se serve como prato único e adoita acompañar o arroz branco e un ou dous pratos máis. No inverno adoita acompañar comidas frías coma o suxi.
É habitual servila en pequenas cuncas lacadas para bebela directamente delas sen utilizar culler, aínda que os ingredientes sólidos se coman cos pauciños.
Variedades
Existen numerosas variedades dependendo das rexións do Xapón que teñen os seus propios ingredientes e tipos de miso. Inda que é un prato tradicional moi antigo comezouse a consumir popularmente a partir do período Muromachi (1392-1573).