Solomon Jones III, nado o 16 de xullo de 1984 en Eustis, Florida, é un xogador profesional norteamericano de baloncesto que actualmente é axente libre.
Traxectoria
Universidade
Solomon foi á Mount Dora High School, dende onde saltou á Universidade de Florida do Sur. A súa primeira tempada pasouna en branco, e no seu ano sophomore asinou 6,6 puntos e 6,2 rebotes. Foi na súa terceira tempada cando amosou unhas calidades que se viron reflectidas nos seus números: 13,2 puntos, 9,2 rebotes e 3,1 tapóns, rematando 2º na clasificación de reboteadores e taponadores da Big East nun equipo frouxo coma Florida do Sur (que paradoxalmente compite nunha grande conferencia como a Big East). Algúns dos seus mellores partidos foron estes: 7 puntos, 17 rebotes, 5 asistencias e 5 tapóns fronte a Villanova; 12 puntos, 12 rebotes e 6 tapóns fronte aos Huskies e 23 puntos (9 de 10 en tiros), 9 rebotes, 3 asistencias e 2 tapóns fronte a Georgetown.
NBA
Solomon Jones foi elixido polos Atlanta Hawks no Draft da NBA de 2006 no posto nº 33. No seu ano coma rookie fixo 3,3 puntos e 2.2 rebotes nunha tempada na que unicamente contou con minutos cando os partidos estaban resoltos. A súa mellor actuación chegou no último encontro dos Hawks, fronte aos Indiana Pacers, onde asinou 14 puntos, 8 rebotes e 2 tapóns. Outra das súas actuacións máis salientables tivo lugar o 23 de decembro fronte aos Detroit Pistons, onde fixo o seu primeiro e único dobre-dobre ata o momento: 10 puntos e 10 rebotes. O 30 de xullo de 2009 asinou polos Indiana Pacers coma axente libre.
En 2012, uniuse aos Los Angeles Clippers,[1] pero foi cortado tras xogar 10 partidos.[2] O 15 de febreiro de 2012, asinou un contrato de dez días cos New Orleans Hornets.[3] O 27 de febreiro de 2012, asinou cos Hornets un segundo contrato de dez días.[4]
O 12 de abril de 2013, asinou un contrato cos New York Knicks..[5] Foi cortado tres días máis tarde.[6]
En setembro de 2013, asinou cos Orlando Magic.[7] O 4 de xaneiro de 2014, foi cortado polos Magic.[8] O 10 de febreiro de 2014, foi adquirido polos Erie BayHawks da NBA Development League.[9]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas