Socialismo ou barbarie foi un grupo marxista francés que existiu entre 1948-1965. O nome tamén se refire á revista do grupo. A expresión Socialismo ou barbarie foi utilizada por primeira vez por Rosa Luxemburg en 1916.
Os membros de Socialismo ou barbarie combatían o stalinismo en todas as súas formas e trataron de desenvolver un marxismo antidogmático. Consideraban á URSS e a todos os países autodenominados socialistas como capitalistas de Estado, é dicir, sociedades dirixidas por unha nova clase dominante (a burocracia) de explotadores enganosamente autonomeados socialistas, é dicir, dirixentes do Estado e da economía que ocuparan o lugar dos patronos mentres que a situación real dos traballadores permanecía sen cambios.
Desenvolvemento e disolución
Aínda que fortemente influído por Castoriadis, o grupo tivo desde a súa creación diferentes correntes internas que acabaron por producir dúas escisións importantes:
En 1951, un primeiro conflito estourou entre os partidarios de crear un partido revolucionario estruturado arredor dun programa político (Castoriadis) e os que confiaban na unión espontánea da vangarda obreira nun proceso revolucionario violento; estes crían que Socialismo ou barbarie non debía ser máis que un lugar de discusión e de crítica. A controversia conduciu á saída temporal de Lefort e outros militantes.
En xuño de 1958, despois de asumir De Gaulle, produciuse outra crise co mesmo tema de fondo, pero nunha situación nova provocada pola chegada de novos membros, a maioría estudantes. Un grupo retomará as teses de Lefort e formará Informations et Liaison Ouvrières (Información e lazos obreiros). Pola súa banda, Castoriadis e outros militantes, aínda rexeitando o modelo leninista de partido, pronunciáronse polo desenvolvemento dunha organización política baseada nun programa de acción enfocado a axudar á vangarda obreira a desenvolver a súa toma de conciencia política.
A partir de 1960, Castoriadis foise afastando do marxismo. Entendía que a extensión dos réximes burocráticos e a burocratización crecente do capitalismo estaba creando unha sociedade de estrutura piramidal onde a maioría das persoas, sometidas á alienación, poderían ser impulsadas para combater o sistema fóra da idea de loita de clases, superada por un réxime capitalista/burocrático capaz de eliminar as crises, asegurar o crecemento económico e aumentar o nivel de vida.
Despois de sucesivas escisións Socialismo ou barbarie autodisolveuse en 1966/67.