Snits (uitspraak (axuda·info)) é unha cidade e antigo concello de Frisia (Países Baixos) integrado o 1 de xaneiro de 2011 no novo concello de Súdwest Fryslân que abrangue boa parte do suroeste de Frisia, con Snits como a capital do novo concello. A cidade localízase ao suroeste da capital frisoa Ljouwert e conta con case 33.000 habitantes, constituíndo un centro importante no suroeste frisón, cun importante porto no Snitser Mar e entre os seus monumentos salienta o Wetterpoarte, coñecido internacionalmente polo seu nome en neerlandés, Waterpoort, unha porta que conecta a cidade co mar que se converteu no símbolo da cidade. A cidade tamén ten unha longa tradición de competicións deportivas no mar, a máis coñecida é o Sneekweek, dedicada á vela, e tamén é un dos puntos polo que pasa o Alvestêdetocht, unha competición de patinaxe de velocidade sobre xeo. Snits é unha das once cidades tradicionais de Frisia, coñecidas como Fryske stêden.
Poboación
O concello de Snits contaba con 33.431 habitantes o 1 de xaneiro de 2010[1], ademais da propia capital municipal había outras tres entidades de poboación recoñecidas: Ysbrechtum con 650 habitantes en 2008, Offenwier, 160 habitantes, e Loaiïngea que conta con 70 habitantes[2].
Historia
Snits edificouse orixinalmente nun promontorio areoso, aumentando tras a construción ao sur dun dique que permitiu a formación dun pólder coñecido como Skerhim, conformándose a cidade arredor dunha vía fluvial, coñecida nos documentos antigos como Magna Fossa[3], esas vías fluviais con saída cara ao norte (Geau, Snitser Aldfeart) fixéronse necesarias pola desaparición do brazo de mar que formaba o esteiro do río De Boarn, o Middelsee. Ao longo do século XIII Snits recibiu diversos privilexios de cidade, en 1295 declarouse un grande incendio que destruíu case todas as súas casas[4], e a cidade tivo que volver a edificarse de novo, e en 1456 recibiu dereitos municipais[5], codificados no Stadboek. Por volta de 1492 comezou a construción das murallas ao seu redor, converténdose así na única cidade amurallada de Frisia [6], da antiga fortificación quedan a Wetterpoarte e o baluarte.
Economía
A coñecida cadea de roupa C&A abriu a súa primeira tenda en Sneek en 1861[7]. En 1902 abriu a fábrica de Tonnema que elabora caramelos de menta baixo a marca KING. A cidade conta tamén con fábricas de aceiro, maquinaria de construción e cordelería náutica. Desde 1964 conta cunha fábrica de cremalleiras da YKK, que foi a primeira planta xaponesa nos Países Baixos, tamén Mitsui Sekka fabricante xaponés de fibras sintéticas ten unha planta na cidade.
Transportes
As principais vías de comunicación que pasan polo concello son a autoestrada A7 que vai de Zaandam, na provincia de Holanda Setentrional ata a fronteira con Alemaña, a estrada provincial N354. O concello conta cunha estación de tren, aberta en 1883, e de autobuses na súa proximidade, as liñas de autobuses están servidas pola empresa pública Connexxion e o tren por Arriva Personenvervoer Nederland que conecta con Ljouwert e Starum. En barco pódense navegar o Houkesleat que conecta coa Canle da Princesa Margriet, Geau que liga con Drylts, De Swette con Ljouwert e Frjentsjerter Feart con Frjentsjer.