Shuttarna II foi rei de Mittani sobre o -1410, sucesor de Artatama I.
Traxectoria
Seica non demasiado despois de chegar ao trono sobre -1410, algúns príncipes sirios (Tunip, Qadesh, Tahsi, Gezer e algúns outros) se rebelaron contra Exipto, pero serían sometidos polos exipcios, e non é clara a implicación do novo rei de Mitanni no asunto, pero despois o rei de Mitanni foi recibido na corte exipcia e asinou un tratado (con Tuthmosis IV) que fixou a fronteira entre os dous poder hexemónicos nunha liña entre Qatna e Qadesh. Tuthmosis IV casou coa princesa mitannia Mutemuia, filla de Artatama I. Despois Amenofis III de Exipto (que reinou aproximadamente de -1390 a -1350) casou coa primeira das dúas princesas mitannias que serán as súas mulleres: Giluhepa (filla de Shuttarna II) e despois Taluhepa (filla de Tushratta). Intercambiáronse cartas amábeis e agasallos suntuosos e Mitanni mostrou interese no ouro exipcio.
Os reinos que se formaran na rexión do Alto Éufrates e a futura Armenia, algúns deles hurritas, comezaron a quedar baixo influencia dos hititas, durante o reinado de Muwatallis I (sobre -1420 – -1400). Estes reinos eran Tegarama, Zazzisa, Alha, Armatana, Arawanna, Ishuwa e outros. Mitanni reaccionou e, despois do -1400, quedaron baixo o alta soberanía hurrita.
O seu reinado non foi moi longo e morreu sobre o -1399. O seu fillo máis vello, Artashshumara foi asasinado por un tal Ud-hi ou Uthi; suponse que este Uthi quería reinar en nome dun rei menor de idade e que proclamou ao fillo novo do rei Shuttarna, Tushratta, irmán máis novo do asasinado.