Senén Casas Regueiro, nado en Bombí, Segundo Frente, Santiago de Cuba, o 30 de xullo de 1934 e finado o 6 de agosto de 1996, foi un militar e político cubano. Foi Ministro de Transportes de Cuba desde 1989 ata a súa morte. Foi tamén viceministro de Defensa e xefe de gabinete do exército cubano.
Era irmán do xeneral e tamén ministro Julio Casas Regueiro.[1]
Traxectoria
Naceu en Bombí, Mayarí Arriba, o 30 de xullo de 1934, nunha familia de orixe galega.[2] Estudante de Dereito na Universidade da Habana, entrou en contacto con mozos de ideas progresistas e revolucionarias, especialmente tralo golpe de Estado de Fulgencio Batista en 1952.[3] Uniuse xunto ao seu irmán Julio aos revolucionarios do Movemento do 26 de xullo, liderados por Fidel Castro, e no momento do triunfo da Revolución Cubana, ostentaba o grao de capitán.
Posteriormente cursou estudos militares en Cuba e na Unión Soviética e ocupou diferentes cargos, como viceministro das Forzas Armadas Revolucionarias e Xefe do Estado Maior. Membro do Partido Comunista de Cuba, foi ademais deputado na Asemblea Nacional do Poder Popular e membro do Consello de Estado. En 1989 foi nomeado Ministro de Transportes de Cuba, en substitución de Diocles Torralba,[4] cargo que ocupou ata que faleceu en 1996 por un infarto de miocardio.[5]
Legado
A estación ferroviaria de Santiago de Cuba, reconstruída en 1997, leva o seu nome.[6]
Notas