A Semana Santa de Lugo é unha celebración católica que ten lugar na cidade española de Lugo (provincia de Lugo). É unha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia, que se realiza anualmente e de modo case ininterrompido desde a Idade Media.[1] Nesta conmemórase a paixón, morte e resurrección de Xesús de Nazaret a través dos diferentes actos, celebracións e procesións que realizan as confrarías.[2] Ademais do seu carácter relixioso, a Semana Santa lucense é tamén considerada como un acontecemento cultural, popular e de atracción turística.[3]
A Semana Santa de Lugo é un dos reclamos turísticos da localidade conseguindo ano a ano atraer a miles de visitantes que chegan chamados polo carácter único destas celebracións.[3] Esta Semana Santa destaca polo gran valor artístico da imaxinaría e ourivaría, ademais de ter un carácter xeralmente sobrio e austero, que fai que se asemelle máis á Semana Santa castelá, en comparación con exemplos quizais máis famosos, como a Semana Santa andaluza.[4]
Os actos centrais da Semana Santa lucense dan comezo o Venres de Dores e a súa celebración prolóngase durante máis dunha semana, finalizando o Domingo de Resurrección. Nela participan un total de sete Confrarías que compoñen a Xunta de Confrarías, encargada de coordinar os diferentes actos e desfiles procesionais que representan a Paixón de Cristo.
Confrarías da Semana Santa de Lugo
Son un total de 7 as confrarías que procesionan durante a Semana Santa en Lugo:
Confraría do Santo Cristo do Perdón e A Nosa Señora da Piedade
Confraría Infantil da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén
Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima
Confraría Sacramental da Santa Cea
Episcopal e Catedralicia Confraría do Bo Xesús
Insigne Confraría da Santísima Virxe da Esperanza
Orde Franciscana Segrar
Procesións e outros actos
Pregón da Semana Santa lucense
O pregón da Semana Santa lucense, organizado pola Xunta de Confrarías, é o acto que dá inicio a todas as celebracións de Semana Santa. Foron pregoeiros da Semana Santa lucense figuras tan relevantes como Marta Rivera, monseñor Alfonso Carrasco Rouco, Manuel Sureda González, o almirante Santiago Bolívar Piñeiro ou Pilar Falcón Osorio.
Coresma
Durante as semanas da Coresma, a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo encárgase de organizar unha serie de concertos, charlas, e presentacións, para promocionar mediante actividades paralelas, a celebración da Semana Santa na cidade de Lugo.
Procesión da Entrada triunfal de Xesús en Xerusalén
Bendición de Ramos e Procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén, organizada pola Confraría Infantil da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén. Procesiona a imaxe de "A Borriquita". A partir das 11:30 horas, na praza de Santa María. O paso é acompañado por unha multitude de xente portando palmas e ramos para a súa bendición.
Procesión da Virxe das Dores
A procesión da Virxe das Dores, ten lugar o Domingo de Ramos pola tarde. A Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima encárgase de organizar esta procesión. Procesionan dúas imaxes, a «Vera Cruz» e «A Virxe das Dores».
Luns Santo
Procesión da Virxe da Esperanza
Organizada pola insigne Confraría da Santísima Virxe da Esperanza. Saída ás 20,30 horas desde a Igrexa de Santiago "A Nova", porta de praza Angel Fernández López e escoltada polo Terzo Norte de Infantaría de Mariña, Cuartel de Instrución de Mariñeiría e Comandancia Militar de Mariña.
Martes Santo
Procesión do Bo Xesús e o Nazareno
Organizada pola Episcopal e Catedralicia Confraría do Bo Xesús e do Nazareno. Saída ás 20:30 horas desde a catedral de Santa María, praza Pío XII e escoltada pola BRILAT "Galicia" VII.
Mércores Santo
Procesión do Santo Cristo do Perdón e A Nosa Señora da Piedade e Vía Crucis Penitencial
Organizada pola Confraría do Santo Cristo do Perdón e A Nosa Señora da Piedade. Saída ás 20:30 horas desde a catedral de Santa María, praza Pío XII. Vía Crucis ao seu paso por rúa da Raíña e escoltada pola Garda Civil.
Xoves Santo
Procesión da Última Cea
Organizada pola Confraría Sacramental da Santa Cea. Saída ás 19:30 horas desde a catedral de Santa María, Praza Pío XII.
Venres Santo
Na tarde do Venres Santo, ten lugar a procesión do Santo Enterro. Organízaa a Orde Franciscana Segrar e a Confraría do Desencravo e Maiores Dores de María Santísima.
É a procesión máis antiga de Lugo.
Acto do Desencravo do Señor
“...é o Desencravo, dun dramatismo que fai romper en bágoas e saloucos á maioría dos fieis que enchen o fermoso templo.”
Para este acto úsase unha imaxe articulada de Cristo, construída polo taller compostelán moderno de Rodríguez e Puente. Actualmente celébrase na igrexa dos PP. Franciscanos.
Procesión do Santo Enterro
Organizada pola Orde Franciscana Segrar e a Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima. Saída ás 20,00 horas desde a Capela da Soidade, Praza da Soidade. A esta procesión incorpóranse as demais confrarías con todos os seus "pasos", ás 20,15 horas no fondo da Praza Maior.
Procesión da Virxe da Soidade “As Caladiñas”
Organizada pola Orde Franciscana Segrar e a Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima. Saída ás 23,00 horas desde a Capela da Soidade, na Praza da Soidade.
Sábado Santo
Procesión da Virxe da Piedade
Organizada pola Confraría do Santo Cristo do Perdón e A Nosa Señora da Piedade. Saída ás 8,30 horas, desde a catedral de Santa María, Praza Pío XII.
Domingo de Resurrección
Procesión do Santo Encontro
Organizada pola Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo. Saída ás 11,40 horas desde o Concello de Lugo, Praza Maior.
Procesión do Noso Señor Xesucristo Resucitado
Organizada pola Confraría Infantil da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén. Saída ás 13,30 horas desde a Praza de Santa María.
Toda a información presente neste artigo, excepto a introdución do mesmo, provén da páxina oficial da Semana Santa de Lugo, concretamente das seccións en castelán "Cofradías" e "Procesiones".
Adrán Goás, Carlos; Kawamura Kawamura, Yayoi; Pardo de Cela, Santiago F. (2001). Cruces parroquiales de la ribera del Landro(en español). Fundación Caixa Galicia. ISBN84-95491-26-5.