Distribución xeográfica do Sagittarius serpentarius.
O secretario ou serpentario,[2]Sagittarius serpentarius, é unha ave de rapina diúrna, a única especie da familia Sagittariidae. O Sagittarius serpentarius habita en todas as rexións de África ao sur do Sáhara, agás zonas de vexetación densa. O seu hábitat preferente é a sabana, sendo tamén común en áreas semidesérticas ou con vexetación escasa.
O Sagittarius serpentarius non se encontra en perigo de extinción porén non é moi común atopalos debido en gran parte á súa baixa densidade de poboación. Os fósiles máis antigos desta ave foron encontrados en Francia, en formacións xeolóxicas do Mioceno.
Descrición
O Sagittarius serpentarius é unha ave de grande porte, achegándose aos 1,5 m de altura e cerca de 2 metros de envergadura. As femias son lixeiramente menores que os machos, mais a especie non presenta un dimorfismo sexual significativo. A plumaxe é cincenta, coa cola, punta das ás e coxas negras. A cabeza é pequena, con faces alaranxadas, e termina nun peteiro curto e encurvado típico das aves de rapina. Na parte de traseira da cabeza presenta unha crista característica de plumas negras. As patas son moi longas e terminan en garras afiadas.
Vive habitualmente en parella, ás veces en grupos de 3 a 4 aves. Esta ave localízase sobre todo en terra, camiñando a cerca de 3 km/h, mais é unha excelente voadora que prefire planar nas correntes de ar ascendentes como os voitres. A súa alimentación é sobre todo a base de serpes, podendo tamén consumir roedores e anfibios. Mata as presas coas patas, menos frecuentemente adoita facelo co peteiro, que usa apenas para dominar animais de pequeno porte.
Reprodución
A época de reprodución vai, dependendo da súa distribución xeográfica, desde agosto a decembro. A parella constrúe un niño tipo plataforma, con cerca de 1,5 m de diámetro, no topo de árbores ou arbustos altos. A construción é xeralmente reaproveitada pola parella de ano para ano. Cada posta contén unha media dous ovos alongados, de cor cincenta azulada, que son incubados pola femia durante 40-46 días. Durante este período, a femia non abandona o niño e é alimentada polo seu compañeiro. As crías permanecen no niño durante cerca de dous meses e son coidadas polos dous pais. Aos tres meses xa son independentes.