O Santuario da Nosa Señora das Virtudes[1], tamén coñecido como Igrexa das Virtudes ou ermida de Santa María[2], é un templo relixioso situado no lugar da Ponte (Arante, Ribadeo). Arredor da capela celébrase a romaría das Cruces, declarada festa de interese turístico de Galicia. A virxe, coñecida como 'a santiña' pola xente do lugar, ten fama de milagreira xa no mesmo século XVI.[2]
Historia
Foi construída como tarde na primeira metade do século XV. Unha inscrición no seu interior dá nota dalgún arranxo ou aumento: en 1516, data na que tiña xa a estrutura actual. O 15 de febreiro de 1543 abriuse un hospital para peregrinos do Camiño de Santiago, pois o Camiño norte pasa á súa beira.
Arquitectura
O edificio é dunha soa nave con tellado a dúas augas, arco triunfal oxival e presbiterio. Ten armadura interior de madeira.[3] Posúe tres portas con arco de medio punto.
O altar maior ten un retablo renacentista con dúas imaxes da Nosa Señora das Virtudes de diferente tamaño, e un Santiago Matamouros. a parte superior ten un Cristo crucificado.
No seu interior consérvanse dous frescos con dúas inscricións[2], descubertas en 1970 despois de estaren cubertas con cal.[4] No 2019 espérase unha intervención pois ambas pinturas corren perigo debido as filtracións de humidade polo muro da capela. Unha delas, na parede norte, sobre a súa fundación a comezos do século XVI:
Esta obra mando acer el Senor Pero Pardo de Agiar Senor del Co(...) de San Marugo a su costa (...) icio de Nuestra Senora en el ano de 1516
Mandou facer esta obra o señor Pedro Pardo de Aguiar, señor do Co(...) de San Marugo á súa costa ... [en beneficio] da Nosa Señora no ano de 1516
A outra, de 1606, sobre a parede sur, o relato dun milagre:
Domingo de Caranza i Agiar Capitan (...) Infanteria Espanola (...) estubo nesta sa Iglandenra. S.A. de las Virtudes el ano 1594: Elmso. ano. enbarco pa. Indias: en una nave (...) A.S: Catalina du fue por Capitan el ano sigiente de 95 en l Cavo de. S. Antoni. Le dio una tarecia tormenta de uracan in orte: q: q: brolos dos Arboles Maior i Triquete...
Domingo de Carranza e Aguiar, capitán... infantería española... estivo nesta igrexa de Nosa señora das virtudes o ano de 1594. o mesmo ano embarcou para as indias nunha nave... a Santa Catalina onde foi nomeado capitán o ano seguinte (1595). No cabo de San Antonio deulle ataque unha recia tormenta de furacán e vento do norte que quebrou as dúas árbores, maior e trinquete...
Este fresco é o único mural sobre temas do mar do s. XVII en Galicia.[4]
Galería de imaxes
Fresco conmemorando a fundación en 1516 por Pero Pardo de Aguiar.
Vista xeral do interior.
A Ponte, límite entre as parroquias de Covelas (ó pé da foto), Arante (fondo dereita) e Cedofeita (fondo esquerda).